Recollen sinaturas para que Abanca restitúa o seu horario habitual en Carballedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de impulsar unha recollida de sinaturas entre os veciños do municipio, aínda que principalmente polos de Carballedo e a súa contorna, para que a entidade financeira Abanca proceda á restitución do horario habitual na súa oficina da capital municipal, que foi recurtado como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus e do estado de alarma.
Ante esta situación, e tras elaborar un manifesto e anunciar a presentación dunha moción ante o pleno, o goberno local de Cerdedo-Cotobade quere demostrar que o actual horario -de luns a venres de 12.00 a 14.00 horas- da única oficina bancaria de Carballedo é insuficiente para as xestións dos veciños e trasladarlle aos responsables da entidade financeira que esta reclamación conta cun apoio practicamente unánime da cidadanía.
Por elo, todos os establecementos comerciais, hostaleiros e negocios de Carballedo e de todas as parroquias da súa contorna, que contan cunha poboación de 1.910 persoas, xa dispoñen de formularios para que os veciños se adhiran coa súa sinatura e están a recibir moitos apoios no arranque desta iniciativa.
Con motivo da crise sanitaria, Abanca procedeu en primeira instancia ao peche provisional desta oficina e posteriormente recuperou o seu funcionamento atendendo só os mércores. Nos últimos tempos a apertura xa está a ser diaria, pero unicamente entre as 12.00 e as 14.00 horas e sen que polo momento haxa visos de que se recobre a atención habitual, o que está a causar malestar e queixas de veciños e usuarios e perxuízos á hora de facer xestións económicas, bancarias e administrativas.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que está a canalizar as protestas dos veciños, cre que, tras máis de dúas semanas de nova normalidade, "é preciso que Carballedo recupere o seu servizo financiero coa atención ao público de antano" e por iso están a artellar diversas medidas, "co máximo respecto a Abanca pero con firmeza na defensa dos intereses dos nosos veciños", para que a entidade se percate da situación e restaure o seu horario.