A ludoteca municipal de Moraña, só para as familias que necesiten conciliar no verán
Por Redacción
O Concello de Moraña activou a tradicional ludoteca municipal de verán, pero fíxoo cun formato diferente ao habitual.
Segundo informa o goberno local, nesta ocasión estará limitada exclusivamente para as familias que necesiten conciliar cos seus fillos para así acudir aos seus postos de traballo ou desenvolver outras tarefas imprescindibles.
Dado que as prazas son limitadas polas medidas de seguridade sanitaria derivadas da crise do coronavirus, os pais deberán acreditar que non teñen outras posibilidades para o coidado dos seus fillos.
A inscrición será gratuíta e pode formalizarse na Casa da Cultura con quendas semanais, quincenais ou mensuais durante os meses de xullo e agosto.
"Non tiñamos moi claro, pola prevención e prudencia que rexe toda a nosa xestión na actual situación sanitaria, se sería posible facer a ludoteca, pero é certo que hai certa demanda imprescindible por cuestións de conciliación e por iso ímola a desenvolver de maneira restrinxida, con prazas limitadas e cun cumprimento estrito dos protocolos de seguridade", explicou a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro.
A ludoteca desenvolverase de luns a venres, excepto os días festivos, de 9.00 a 14.00 horas e está destinada aos nenos e nenas de 3 a 13 anos do municipio.