ENCE, sinalada pola "bandeira negra" de Ecoloxistas en Acción, defende a súa xestión ambiental
Por Redacción
Despois de que Ecoloxistas en Acción concedera unha "bandeira negra" por contaminación á fábrica que Ence ten en Lourizán, a compañía saíu ao paso para defender a súa xestión ambiental que, segundo explican nun comunicado, está avalada polos datos.
A empresa asegura que os datos que inclúe o informe deste colectivo, entre eles o uso ilegal de aceites usados como combustible, "non se axustan á realidade" e supoñen unha "grave acusación" cara a unha planta que "cumpre toda a regulación vixente".
Ence sinala que a súa fábrica en Pontevedra cumpre "escrupulosamente" a súa autorización ambiental integrada e "en ningún caso" está a utilizar combustibles nin ningún outro produto incompatible con esta autorización e con toda a normativa ambiental autonómica.
A este respecto, a compañía explica que cumpre coa orde ministerial que regula o uso como combustible de aceite procesado e que esixe a todos os seus provedores un certificado que avale que cumpren cos requisitos establecidos pola normativa.
Tras destacar os selos de calidade que diferentes organismos concedeu ás instalacións de Lourizán, entre eles a etiqueta Nordic Swan, selo ecolóxico oficial dos gobernos escandinavos, Ence acredita que as bandeiras azuis das praias da ría tamén avalan a súa postura.
Desde a empresa recordan que a ría ten 24 praias con este distintivo ambiental, entre elas seis que están nas inmediacións da súa fábrica, e que tamén hai importantes bancos de marisqueo e que a calidade do aire da ría de Pontevedra está entre as mellores das rías galegas.