Condenado a un ano e dez meses de cárcere por vender droga desde o interior do seu coche
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de condenar a un ano e dez meses de cárcere a home acusado de vender cocaína desde o interior do seu vehículo na rúa Mestre Soutullo de Pontevedra.
O home, Pablo B.M. foi xulgado a semana pasada na sección cuarta da Audiencia Pontevedra e, tras revisar o contido da vista oral, o tribunal considerou probado que é autor dun delito contra a saúde pública de substancias que causan grave dano á saúde e substancias que non causan grave dano á saúde polo que, ademais de cumprir 22 meses de prisión, deberá pagar unha multa de 113 euros.
O home foi detido o 28 de abril de 2018 como consecuencia dun dispositivo de vixilancia aleatoria establecido pola Policía Local de Pontevedra e dunha investigación aberta polas queixas dos veciños da rúa Cruz Vermella pola existencia dun foco de trapicheo nun dos pisos da zona, que resultou ser domicilio do agora acusado.
A actividade pola que se lle condenou non se produciu nese domicilio, senón que a cometeu, segundo os feitos considerados probados na sentenza, cando se atopaba no interior do seu vehículo estacionado na rúa Mestre Soutullo.
Segundo o fallo do tribunal, vendeu por 40 euros 0,495 gramos de cocaína cunha riqueza do 90,28 % valorada en 60,05 e 4, 628 gramos de resina de cannabis valorados en 26,38. Ambas as substancias foron intervidas pola Policía Local ao comprador.
No momento da detención, o acusado levaba 9,928 gramos de resina de cannabis valorados en 56,59 euros e 0,669 gramos de cocaína cunha riqueza do 91,89 % valorados en 82,68, destinadas á venda, así como 105 euros procedentes da venda ilícita.
Á hora de ditar sentenza o tribunal conclúo que non concorren circunstancias modificativas da responsabilidade criminal e que non consta que o acusado sexa consumidor de substancias estupefacientes nin, por tanto, existen criterios de dependencia das mesmas para que poida apreciarse a drogadicción sexa como unha circunstancia atenuante.