O Grove retira a publicidade de casas de apostas no campo de fútbol
Por Redacción
O campo de fútbol do Grove xa non volverá lucir publicidade de casas de apostas. En cumprimento do acordo plenario alcanzado no 2019 e agora que os plans de desescalada permíteno, o goberno local continúa facendo realidade a moción presentada por Esquerda Unida relacionada co control da proliferación das casas de apostas e a toma de medidas para a prevención da ludopatía.
Entre as propostas aprobadas, unha que estaba aínda pendente de execución polo estalido da pandemia era a eliminación dos espazos públicos de toda cartelería ou publicidade de casas de apostas, especialmente no referido a zonas deportivas ou espazos frecuentados por xente nova.
Con este obxectivo, os operarios municipais retiraron esa publicidade do campo de fútbol municipal Monte da Vila, o único lugar que contaba con este tipo de publicidade.
Ademais, o Concello ten sobre a mesa outras accións que poñerán en marcha a medida que a situación sanitaria se vaia normalizando tanto en centros educativos como en lugares de práctica deportiva.