Urbaser retira os residuos que desbordaban o punto limpo da Lama
Por Redacción
O 'ultimato' dado polo Concello da Lama á empresa Urbaser, concesionaria da recollida de lixo no municipio, tivo o efecto desexado.
O goberno local apremara á empresa para retirar os residuos sólidos urbanos que se acumulaban no punto limpo municipal de Racelo desbordando a súa capacidade e causando problemas de operatividade e de servizo aos veciños.
Segundo informou a administración municipal, Urbaser resolveu este problema, que afectaba as zonas comúns e de paso do punto limpo.
Solucionada a incidencia, o Concello da Lama anuncia que se pode retomar con normalidade o servizo de recollida de voluminosos e aveños domésticos a domicilio.
Para utilizar este servizo, os veciños dispoñen do teléfono do Concello (986 76 82 38) para concertar día e hora na que poden depositar os seus refugallos para que un operario municipal poida pasar co camión para retiralos.