Imaxes espectaculares de cabalos mariños, unha especie desprotexida que se move pola ría de Pontevedra
Por Redacción
Hai moi poucas imaxes do cabaliño de mar Hippocampus hippocampus. Apenas se pode ver en doce puntos das costas galegas. O cámara submarinista pontevedrés Pedro Alonso localizouno na ría de Pontevedra.
Este explorador das augas que bañan a nosa costa evita indicar o punto exacto onde localizou a este especie que se atopa en perigo de extinción, pero anuncia que nuns días ofrecerá un vídeo coas súas imaxes. Pero antes quere facer unha chamada de atención para que as administracións teñan en conta a necesidade de protexer á fauna mariña, neste caso aos cabalos mariños.
Neste vídeo que ofrece durante estes días poden observarse os belos hippocampus guttulathus, a especie máis común nas rías galegas. Pedro Alonso indica que son especies protexidas pola Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES) pero falta sensibilidade e coñecemento por parte da poboación e tamén polas administracións, segundo explica con preocupación.
A presenza destas especies foron relatadas polos investigadores Sonia Valladares, Rafael Bañón, Almudena López, Carmen Bouza, Alexandro Chamorro, Manuel Enrique García e Miquel Planas, nunha publicación realizada en 2013, tras detectar na contorna da Illa de Toralla e da zona de Bueu a presenza tanto dos hippocampus guttulathus como dos hippocampus hippocampus.
Segundo recolle ese estudo, as poboacións silvestres do H. hippocampus están severamente restrinxidas tanto en abundancia como en distribución. As dúas especies son as únicas de cabalos de mar presentes nas costas europeas e móvense desde os Países Baixos ata o Mar Negro, segundo indican desde o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
O seu hábitat atópase en zonas costeiras, lagoas e estuarios. Ambas as especies contan con poboacións moi reducidas. Malia que a H. guttulatus é máis abundante, en Galicia a súa presenza é escasa e a súa distribución moi dispersa e pouco coñecida. Segundo o investigador Miquel Planas, adoitan vivir entre tres e catro anos no medio natural e reprodúcense entre finais de primavera e finais de verán. A intención por parte dos expertos é deseñar futuras estratexias para a súa conservación.