Os centros de día reabrirán a partir do 15 de xullo, catro meses despois do peche pola pandemia
Por Redacción
Os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os centros ocupacionais de toda Galicia poderán abrir a partir do 15 de xullo, catro meses despois do seu peche obrigado pola pandemia do coronavirus, sempre que conten cun protocolo específico de reactivación aprobado pola correspondente área sanitaria.
A Xunta de Galicia decidiu autorizar a reapertura unha vez que o persoal destas instalacións está próximo a finalizar os cursos de formación axeitados e porque se pode garantir que a Administración lles fará chegar os equipos de protección individual (EPIS) necesarios para que os traballadores e os usuarios poidan contar coa máxima seguridade durante o servizo.
O peche dos centros de día, que xa estaban abertos en todas as comunidades autónomas agás Galicia, ten protagonizado nos últimos días queixas de todos os partidos da oposición e de asociacións de usuarios.
A Xunta deu a coñecer a decisión este xoves e lembrou que leva traballando desde que se iniciou a desescalada cos centros de día para retomar as actividades que ofrecen e que con esta reapertura responde ao compromiso de normalizar progresivamente a situación destes servizos.
Os centros deberán cumprir co Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en vigor, segundo lembra a Xunta a través dun comunicado.
Desde o 10 de xuño, permitiuse que os centros prestasen atención terapéutica individual con cita previa, como resposta ás necesidades das persoas maiores ou con discapacidade e as súas familias. Ao tempo, púxose en marcha unha formación gratuíta e facilitóuselles un protocolo de base para adaptar os centros á súa propia realidade.