A Xunta inicia o primeiro pastizal do ano en Galicia nos montes de Valongo
Por Redacción
A Dirección Xeral de Gandaría e Agricultura da Xunta vén de comezar as obras de creación do primeiro pastizal de Galicia do presente exercicio na parroquia cotobadesa de Valongo, onde se vai proceder á preparación de 35 hectáreas de terreo cun investimento de 250.000 euros para favorecer o pastoreo e alimentación do gando dos veciños desta zona e membros da comunidade de montes.
Con motivo desta importante actuación, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, membros do goberno local e representantes das firmas Tragsa e Emdesfor mantiveron unha xuntanza informativa, na propia zona dos traballos, cos veciños, comuneiros e gandeiros de Valongo.
Este proxecto, considerado fundamental para a prevención de lumes forestais e para a mellora do benestar do gando da zona, xurdíu "pola gran colaboración da comunidade de montes, tanto internamente como coa Xunta, o que permite que sexa o primeiro pastizal que se fai aínda que haberá moitos máis, especialmente no noso municipio, pola intención de apostar forte polo medio rural e por sistemas de pastoreo en extensivo, xa que non son contaminantes", explicoulle Cubela aos asistentes.
En canto ás características desta actuación, vaise realizar un desbrozado completo nun perímetro de máis de 3 quilómetros ata completar case 35 hectáreas e posteriormente faranse outros traballos preparatorios do terreo, como o roturado, antes de proceder á semente completa da zona para crear o pastizal. Todo este espazo vai quedar perfectamente pechado e disporá de dous abrevadoiros e dous comedeiros para o gando e unha manga de 20 metros para realizar tarefas coas reses.
A actuación, segundo explicaron os responsables das firmas adxudicatarias, ía estar xa moi avanzada, pero o seu inicio adiouse por mor da crise sanitaria do coronavirus. En todo caso, confíase en que avance a bo ritmo, xa que ten un prazo de execución de oito meses, pero todo dependerá das circunstancias meteorolóxicas do outono e do que permitan avanzar nunha época considerada clave para a creación do pastizal.
Cubela e os demais membros do goberno local agradeceron o traballo e esforzo da comunidade de montes e da veciñanza de Valongo "polo que ben seguro que este espazo vai ser moi empregado e non vai quedar abandonado volvendo ao seu estado primixenio de toxos" e destacaron a importancia deste tipo de medidas para favorecer a fixación de poboación no noso medio rural.
Relacionadas:
-
O sector primario de Cerdedo-Cotobade quere crear unha marca propia de calidade
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballos de roza e limpeza chegarán a próxima semana á VG-4.3, entre Cambados e Vilagarcía
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade acollerá un polígono agrario para produción de mazá de sidra
Por Redacción |