O Grove instalará unha tubaxe aérea para asegurar a subministración de auga a Beiramar durante o verán
Por Redacción
As obras de desdobramento da estrada de Beiramar, no Grove, quedaron aprazadas para despois do verán para reducir o malestar que poida ocasionar a veciños e turistas. Esta actuación incluía a mellora e reestruturación das canalizacións de abastecemento de auga ao barrio que, segundo explican desde o goberno local, "resultan urxentes como consecuencia dun total abandono durante anos e tendo como punto de partida unha acometida incorrecta".
A elevada frecuencia coa que se producen roturas e incidencias, ademais de deixar sen abastecemento a moitos veciños, requiren traballos continuos por parte dos servizos municipais de augas que levan alertando moito tempo da precariedade desta situación.
Aínda que a única solución, que é a renovación de toda a rede, non chegará ata o mes de setembro, o Concello negociou coa empresa adxudicataria para a posta en marcha dunha das accións recollidas no proxecto e que están relacionadas coa canalización de augas mediante unha tubaxe aérea provisional que se colocará nas fachadas das vivendas.
Esta actuación permitirá que, se se producen roturas, non afecten a subministración durante estes meses. Lembran desde o goberno local que esta construción provisional ía realizarse de todas as maneiras en setembro para asegurar o servizo e, con esta decisión "é unha medida adiantada que evita problemas vividos en meses anteriores", explican.