Temperaturas de máis de 30 graos, previsión para esta fin de semana nas Rías Baixas
Por Redacción
As Rías Baixas sitúanse baixo a influencia anticiclónica. Desta forma, ao longo do venres espéranse ceos pouco nubrados en xeral. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso, mentres que as máximas ascenden de maneira lixeira e moderada para establecerse entre os 12 e os 28 graos. Os ventos soprarán do compoñente norte durante toda a xornada, frouxos en xeral, con intervalos de moderado no litoral atlántico, segundo recolle o servizo de Meteogalicia.
Ao longo do sábado 4, Galicia atoparase xa baixo a influencia das altas presións que entran en forma de cuña ao norte da península Ibérica. Os ceos manteranse despexados e as temperaturas máximas ascenderán entre lixeira e moderadamente para alcanzar os 31 graos. O vento seguirá soprando frouxo de compoñente norte, sendo máis intenso en todas as Rías Baixas ao longo da tarde.
A influencia anticiclónica permanecerá tamén durante o domingo, con circulación do nordés. Espéranse ceos pouco nubrados ou despexados en xeral. As temperaturas mínimas ascenderán de maneira moderada mentres que as máximas subirán lixeiramente en toda a zona sur de Galicia. Desta forma, os termómetros atoparanse entre os 17 e os 31 graos. Os ventos soprarán do nordés, frouxos en xeral e moderados na costa atlántica.
Ao longo da próxima semana, Galicia manterase baixo a influencia anticiclónica. As temperaturas baixarán moderadamente ao comezo da semana para volver situarse sobre os 31 graos a medida que se achegue a fin de semana.