Cinco entrevistas na rúa para demostrar que o uso do galego tamén é sinónimo de éxito
Usar o galego na vida cotiá é cuestión de "determinación". É o que busca demostrar En3vistas, un ciclo no que dez referentes da cultura, a gastronomía ou o deporte mostrarán como empregan "con normalidade" o idioma propio de Galicia no seu día a día.
Así o anunciou este venres o edil de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, que explicou que estas cinco entrevistas 'a dúas bandas' faranse en diferentes espazos públicos de Pontevedra, que serán "readaptados" á normalidade que impuxo a COVID-19.
Todos eles, persoas que "o están a petar forte nos seus respectivos eidos" sinalou Oubiña, "falarán da súa ocupación e das súas experiencias coa lingua" para probar que empregando o galego "podemos chegar a todos os eidos da nosa vida cotiá".
A primeira destas entrevistas será o venres 10 de xullo, ás seis da tarde, na Praza da Peregrina. Será unha conversación entre a actriz María Mera, protagonista de O sabor das margaridas, a primeira serie en galego emitida por Netflix; e a directora Gema Baamonde, premio María Casares á mellor dirección pola versión teatral de Elisa e Marcela.
A rúa Serra acollerá o luns 13 de xullo, tamén ás 18.00 horas, o encontro entre o cociñeiro Javier Olleros, propietario de Culler de Pau no Grove, que aposta por trasladar as raíces da cociña galega á alta cociña; e o promotor musical Kin Martínez, director de Esmerarte e responsable, entre outros, dos festivais PortAmérica e O Son do Camiño.
O venres 17 de xullo, ás 20.00 horas, charlarán no parque fluvial do Gafos a produtora musical Patri Hermida, mánager de Terbutalina ou Heredeiros da Crus, e Sabela Ramil, concursante de OT 2019, artista que interpretou varios temas en galego e fixo unha férrea defensa do idioma durante a súa estancia no programa musical de TVE.
O deporte será o eixo central da charla que se celebrará na Avenida de Santa María o luns 20 de xullo, ás oito da tarde. Os protagonistas serán o atleta lucense Adrián Ben, unha das grandes promesas do medio fondo nacional, e o xornalista Diego Espiño como representante dun medio, PontevedraViva, que apostou polo galego desde a súa fundación.
O ciclo pecharase o venres 27 de xullo na renovada ponte do Burgo. Alí, ás oito da tarde, citarase a artista pontevedresa Cora Velasco, que logrou facerse un oco na escena indie nacional, con Marcelo Dobode, un artista moi vinculado a Pontevedra e que é unha das grandes referencias da música galega.
Todas estas entrevistas emitiranse en directo a través das redes sociais do Concello de Pontevedra e quedarán dispoñibles en vídeo para que poidan gozar delas todas aquelas persoas que, por motivo de espazo ou de axenda, non poidan acudir a velas.