CIG-Saúde denuncia a cesión de material sanitario do hospital Montecelo ao privado Quirón
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A CIG-Saúde de Pontevedra vén de denunciar publicamente a cesión de material sanitario do hospital público Montecelo ao privado Quirón, "tal e como puido comprobar o persoal encargado de preparar o instrumental para as operacións". Desde o Sergas aseguran que a CIG- Saúde fai unha "denuncia falsa" e se reserva a decision de adoptar medidas legais.
Dende a central sindical pregúntanse se existe algún tipo de acordo entre o Sergas e a empresa e se este tipo de prácticas están a provocar atraso ou mesmo suspensión de intervencións no sistema público.
Dende a federación de Saúde da CIG de Pontevedra lembran que durante a pandemia do novo coronavirus o Sergas chegou a un acordo con Quirón para cederlle material co argumento de que se puidese seguir realizando operacións no centro privado. Mais unha vez rematado o estado de alarma a dirección do hospital Montecelo anunciou que deixaran de ceder este material.
"Pero o mércores pasado o persoal encargado de preparar o material para as operacións en Montecelo descubriu que faltaban algunhas cousas, e tras as pertinentes comprobacións constataron que dous días antes foran cedidas ao Quirón", sinalan.
Diante disto, pregúntanse en virtude de que acordo se leva a cabo esta cesión de material. "Se existe un acordo e se oculta sería grave, pero se se está a ceder material sen que exista un acordo sería máis grave aínda". A central trasladaralle estas e outras cuestións á dirección do centro durante a xuntanza coa xunta de persoal que terá lugar a semana que vén.
"Porque tamén queremos saber se este tipo de prácticas están a provocar atrasos ou mesmo suspensións de operacións na sanidade pública, xa que se trata de material que se ía usar para unha intervención e que non se atopaba no seu lugar; tampouco temos coñecemento de se se está a facer o mesmo con outro material", din dende a CIG.
Finalmente, consideran que se trata dunha "utilización fraudulenta de fondos da sanidade pública para beneficiar a un hospital privado" polo que esixirán que se depuren responsabilidades "por este tipo de prácticas irregulares", rematan.
RESPOSTA DO SERGAS
Diante da denuncia por parte de CIG-Saúde dunha presunta cesión de material sanitario de Montecelo a Quirónsalud para operar, fontes oficiais de Dirección da área Sanitaria de Pontevedra-OSalnés subliñan que "é totalmente falsa esa afirmación".
Estas mesmas fontes aseguran que desde que a pandemia tivo menor incidencia nesta zona e deixouse de operar no Quirón, "a área Sanitaria non levou ningún material, nin prestado".
O SERGAS se reserva a decision de adoptar medidas legais diante desta "denuncia falsa".