Meaño cancela as festas e deseña unha programación alternativa
Por Redacción
Debido á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, e como medida cautelar para previr a propagación e novos rebrotes do virus, o Concello de Meaño acordou cancelar a Festa do Viño, prevista para os días 17,18 e 19 de xullo, así como a Festa dos Muiños e a Mostra Labrega que, seguindo a tradición, tería lugar o último domingo de xullo na contorna dos Muiños de Lores.
Tamén se acordou cancelar a Carreira Popular de Meaño, que tería lugar o segundo domingo do mes de setembro.
Así mesmo, o goberno local indica que se estivo a traballar nunha programación alternativa de pequenos eventos para dinamizar e manter a actividade cultural do municipio despois de ter pasado estos meses tan difíciles.
O sábado 11 de xullo comezarase cun concerto na Praza nova de Dena, actuarán a Asociación Cultural Penaguda e os Danzantes de Cobas e a continuación actuará a Banda Unión Musical de Meaño.
O sábado 18 de xullo habrá un concerto na praza do Concello ás 22 horas do grupo galego De Vacas e o sábado 25 de xullo, na parroquia de Cobas actuarán os Gaiteiros de Penaguda e os Danzantes de Cobas.
Xa no mes de agosto, o sábado día 01 no Parque do Barreiro en Xil a partir das 20h actuarán os Amigos do Acordeón Rías Baixas e a Bumm, o sábado día 8 de agosto actuarán en Padrenda, Asoción Cultural Penaguda e os Danzantes de Cobas, o sábado 15 de agosto actuarán en Simes Penaguda ao mediodía e pola noite habrá un concerto da Bumm.
No mes de setembro actuarán o sábado 12 de setembro os Amigos do Acordeón Rías Baixas e a Bumm na praza do Concello e o día 29 de setembro actuarán en Lores os Amigos do Acordeón Rias Baixas e o 11 de outubro habrá un concerto da Bumm na Capela de San Benito de Lores.
Para as familias e para os máis cativos habrá cine na rúa o venres 10 de xullo "Mía y el león blanco" en Cobas, o 24 de xullo "Aladdin" en Padrenda e o 28 de agosto "Uno más en la familia" en Meaño, o venres 11 de setembro habrá Teatro Ghazafelhos "Monstros no Camiño" na Praza do Concello e como novidade farase unha sesión de autocine coa película "Capitana Marvel" o día 04 de setembro na Area Recreativa dos Pasales en Dena.