O Servizo Municipal de Emerxencias de Cuntis atende a dous ciclistas feridos que se saíron da vía
Por Redacción
O Servizo Municipal de Emerxencias de Cuntis atendeu este sábado a dous ciclistas feridos nunha saída de vía no quilómetro 9 da estrada EP-7022, ao seu paso polo lugar de Sebil, na parroquia cuntiense de Cequeril.
Ambos ciclistas, pertencentes ao Club Ciclista O Grove, estaban nunha sesión de adestramento por estradas da provincia e resultaron feridos de consideración leve.
Segundo informan dende o Concello, ata o lugar dos feitos, que tiveron lugar ao redor das 11.00 horas, desprazouse o Servizo Municipal de Emerxencias de Cuntis e unha ambulancia do 061. Os ciclistas recibiron atención sanitaria no propio lugar para seren posteriormente trasladados polo 061 ao Hospital Provincial de Montecelo.
Un dos afectados presentaba un ombro dislocado e o outro feridas e contusións nunha perna que provocaron que tivese que ser trasladado en padiola.