Novos depósitos en Borela e O Picoto para facer fronte á seca
Por Redacción
A parroquia de Borela reforzou o abastecemento de auga coa finalización das obras de construción de dous novos depósitos en Borela e O Picoto. O Concello de Cerdedo-Cotobade indica que estes traballos supuxeron un investimento de case 90.000 euros, que contaron con subvencións nominativas a favor das respectivas comunidades de augas, que son as entidades que se encargan da xestión deste servizo no municipio.
Jorge Cubela, alcalde do municipio, e o concelleiro Bruno Portela mantiveron encontros coa veciñanza para levar a cabo a entrega das chaves e que estas comunidades asuman a explotación e control deste servizo.
Segundo indican desde o goberno local, durante os últimos anos impulsáronse 13 depósitos de auga, once deles en Cerdedo, e xa se traballa na instalación doutros seis na zona de Cotobade. Desta forma, os próximos almacenamentos de auga instalaranse en Pazos de Borela (cun investimento de 29.500 euros), Rebordelo (12.000 euros), Boliñas-Augasantas (12.000 euros), Cuqueira-Carballedo (7.000 euros), Xesteira-Almofrei (12.000 euros) e Susteliño (5.000 euros).
Cubela destaca a inxección de máis de 500.000 euros en pouco máis de tres anos que se destinaron ás comunidades de augas e de montes para a xestión destes servizos. A intención é facer fronte á seca e evitar situacións de desabastecemento.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade mellorará o sistema de abastecemento de auga en seis localidades
Por Redacción |
-
Os novos depósitos de auga incorpóranse ao plan contra os incendios de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Rebordelo construirá o seu depósito de auga no primeiro semestre do ano
Por Redacción |
-
O plan parroquial para Borela prevé a construción de dous depósitos de auga
Por Redacción |