Cáritas rehabilitará a súa sede en Joaquín Costa para trasladar o albergue para persoas sen fogar
Por Manu Otero
Un ambicioso proxecto valorado en máis de 700.000 euros consistente na rehabilitación do edificio de Cáritas, na céntrica rúa pontevedresa Joaquín Costa, para ofrecer teito e atención dignos a persoas sen fogar é o que presentou este luns os dirixentes de Cáritas Interparroquial de Pontevedra. A obra executarase en tres fases e servirá para mellorar a fachada e redistribuír os espazos interiores, nos que se instalará o albergue, un centro de día e unha sala para Proxecto Home.
A intención da agrupación é iniciar as obras no mes de outubro. O plan dispón xa de todos os trámites administrativos e urbanísticos e só está á espera da resolución dunha subvención da Consellería de Política Social, valorada en 300.000 euros, para comezar os traballos da primeira fase. Unha vez que o novo albergue entre en funcionamento, o actual, situado en Monte Porreiro, pechará as súas portas.
A primeira parte do proxecto é a máis complexa e custosa. Foi adxudicada recentemente por un importe de 440.000 euros máis IVE. O arquitecto encargado de deseñar a obra, Mauro Lomba, explicou durante a presentación do documento que consistirá na rehabilitación da fachada, que inclúe a limpeza das paredes e ampliación das xanelas da planta baixa ata o chan para facer máis luminoso e transparente o edificio e a actividade que se realiza no seu interior. Así mesmo, instalarase un ascensor, novos despachos, as estancias do albergue que se situará na primeira planta, así como a preparación do patio interior para as actuacións da segunda fase.
Valorada en 200.000 euros, o seguinte paso da restauración, aínda sen data, servirá para completar a sala de Proxecto Home que estará situada na planta baixa, ampliar as dependencias do centro de día, situado tamén na planta baixa; e construír un gradería, unha horta e un xardín no patio interior.
A última parte da obra, orzada en 150.000 euros, centrarase no segundo piso do edificio, no que están proxectadas vivendas tuteladas individuais e para familias.
Ademais de mellorar a imaxe e funcionalidade do inmoble, o proxecto servirá para mellorar a calidade asistencial, de atención e de vida dos usuarios do albergue. "É un proxecto de presente, humanizador e integrador. Todo o mundo ten dereito a vivir en espazos de calidade e calidez", defendeu Íñigo Arranz, responsable diocesano do programa para persoas sen fogar de Cáritas. No seu discurso, destacou detalles do proxecto como a presenza de espazos comúns, unha cheminea e mesmo un lugar para mascotas, cuxa compañía é de vital importancia para estas persoas.
No deseño do proxecto participou tamén Alberto Escobar, arquitecto voluntario de Cáritas, quen aclarou que o aforo do novo albergue será de 26 prazas con división das zonas de dormitorio para homes e mulleres, que si compartirán espazos comúns tanto no interior como no exterior do edificio. Despois de agradecer a implicación de institucións e empresas como o Concello, a Consellería de Política Social ou Ence, que cobre parcialmente os honorarios dos arquitectos, así como a implicación dos voluntarios e o uso de fondos propios da agrupación; Escobar pediu "a implicación de toda a cidadanía de Pontevedra e a súa comarca para que este prometedor proxecto poida facerse realidade canto antes nas súas tres fases".
Pola súa banda, a presidenta da agrupación interparroquial de Cáritas en Pontevedra, Concepción Vázquez, mostrouse ilusionada cun proxecto que "vai repercutir nunha maior calidade na atención ás persoas que se acollen".
Relacionadas:
-
Cáritas fai un chamamento aos pontevedreses para financiar as obras do albergue
Por Oskar Viéitez |
-
O novo albergue que Cáritas construirá en Pontevedra custará case un millón de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Cáritas avanza no proxecto para converter a sede de Joaquín Costa nun gran centro asistencial: tamén terá vivendas tuteladas
Por Redacción |
-
Aprobado o convenio municipal para financiar o albergue de Calor e Café
Por Oskar Viéitez |
-
Dous de cada tres usuarios dos albergues durante o estado de alarma levan máis de 3 anos vivindo na rúa
Por Redacción |
-
O Multiusos da Xunqueira remata a súa función como albergue para persoas sen fogar
Por Redacción |
-
Cáritas e o Concello habilitan dous albergues para que as persoas sen fogar pasen a corentena
Por Redacción |