Os socialistas deseñan un plan para completar a humanización de Monte Porreiro
Por Redacción
Para os socialistas completar a humanización de Monte Porreiro e reforzar un centro de saúde que o PP deixou "en pleno declive" será unha "prioridade" se acceden ao goberno da Xunta de Galicia tras as eleccións galegas do próximo domingo 12 de xullo.
Nunha visita a este barrio pontevedrés, os candidatos Paloma Castro, Rafael Cotelo e Manuel Loureiro garantiron que Monte Porreiro terá unha atención especial, a diferenza da "marxinación" que, segundo denunciaron, experimenta por parte do Partido Popular.
A número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE por Pontevedra denunciou que o goberno de Núñez Feijóo "está a argallar" o desmantelamento encuberto do centro de saúde, ao deixalo sen pediatra e con só dous médicos de familia e dúas enfermeiras para 8.000 habitantes.
"É absolutamente insuficiente para a poboación da zona e moitos veciños están a cambiar a súa tarxeta sanitaria para o centro de saúde da Parda", explicou Paloma Castro, que asegura que o Sergas "non fixo nin caso" aos escritos de protesta presentados pola veciñanza.
Pola súa banda, Rafael Cotelo lembrou que a Xunta anunciara no seu día "a bombo e platillo" un plan de humanización de Monte Porreiro que se ía desenvolver en catro fases, das que apenas se executou unha.
Para o candidato socialista, o grao de execución das obras comprometidas polo goberno do PP "é ínfimo" fronte ás actuacións doutras administracións, como o Concello ou a Deputación que están a impulsar o novo acceso á urbanización dende Tafisa.
Os socialistas anunciaron tamén a intención do seu partido de establecer unha tarifa plana universal dun euro no transporte metropolitano de Monte Porreiro.
Ademais de seren gratuíto para desempregados e pensionistas con ingresos inferiores ao salario mínimo interprofesional, este transporte debe contar, segundo o PSdeG-PSOE, coa calidade, horarios e frecuencias "que merecen os habitantes do barrio".
Relacionadas:
-
O Concello cre que o novo acceso a Monte Porreiro "poderá estar rematado en febreiro"
Por Redacción |
-
Os socialistas queren converter o Lérez no eixo de rutas turísticas e actividades de lecer
Por Redacción |
-
As Rías Baixas deben ter, segundo os socialistas, un papel "estratéxico" na promoción de Galicia
Por Redacción |
-
O PSdeG propón un Plan de Fortalecemento Dixital Integral do Ensino
Por Oskar Viéitez |
-
O PSdeG urxe o dragado do Lérez e propón depositar os lodos de xeito provisional preto do Club Naval
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O PSOE denuncia "o abandono da dependencia e a desatención ás persoas maiores por parte da Xunta do PP"
Por Oskar Viéitez |