Caldas únese á campaña contra a 'basuraleza' nun verán no que se prevé un aumento do turismo de natureza
Por Redacción
O Concello de Caldas acaba de unirse á campaña #MiPuebloSinBasuraleza posta en marcha no marco do Proxecto Libera, creado por SEO/ BirdLife en alianza con Ecoembes para poñer en valor as contornas naturais este verán no que, debido á crise da Covid-19, se agarda un aumento do turismo rural.
No marco desta campaña, o Concello colabora cunha andaina ecolóxica de iniciativa veciñal á Fervenza de Segade prevista para este xoves 9 de xullo. Irá dende o Malecón ata a Fervenza de Segade e os participantes irán retirando ao longo do traxecto o lixo presente nas marxes fluviais do Umia.
Con esta iniciativa, preténdese crear conciencia sobre a problemática que representan os residuos que se acumulan na natureza e favorecer que o bo estado dos ríos e espazos naturais non dependa de limpezas continuadas, senón da responsabilidade da cidadanía.
O Concello mantén que coa fin do confinamento aumentaron as visitas ao Umia e á fervenza e, con isto, constatouse un aumento de lixo na zona que será eliminado grazas a esta iniciativa cidadá.
O Concello de Caldas comprométese a concienciar a todos os seus cidadáns e visitantes fronte ao abandono de 'basuraleza', transmitindo as mensaxes das campañas de sensibilización do Proxecto Libera. Ademais, colaborará coas accións que promovan a conservación das contornas e favorezan a sensibilización fronte ao abandono de residuos en contornas naturais.
Segundo datos do informe de 'basuraleza', as acumulacións de microplásticos en contornas terrestres poderían ser entre 4 e 23 veces maiores que nos océanos, onde case son incontables. Este verán, aínda que é un momento para o descanso, o Concello lembra que débese continuar con conciencia para manter os espazos naturais limpos.