Aumenta a presión sobre Scandia Food para que acepte a oferta de Alfonso Caneiro por Thenaisie Provoté
Por Oskar Viéitez
Aumenta a presión sobre o grupo conserveiro romanés Scandia Food para que acepte a oferta do empresario vigués Alfonso Caneiro pola fábrica de Thenaisie Provoté.
A día de hoxe a conserveira do Grove, en concurso de acredores, sobrevive fabricando para outros productores.
Este luns o conselleiro de Industria, Francisco Conde, comprometeuse co comité de empresa e os sindicatos CIG e CCOO a solicitar unha reunión entre Alfonso Caneiro e os propietarios da conserveira meca, representada en España polo despacho Garrigues.
Nunha reunión mantida este luns coa Corporación municipal do Grove o industrial vigués reiterou a súa proposta de comprar a conserveira e garantir a continuidade dos 125 empregos repartidos entre a factoría de Rons e a planta loxística de Mos.
O alcalde do Grove, José Cacabelos insistiu no apoio do Concello que se suma aos de Zona Franca de Vigo e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes (Anfaco).
Scandia Food ten sobre a mesa a oferta do grupo catalán propietario de Conservas Dani que conta con factoría en Carnota. Tamén se interesou o fondo Stator Management, propietario da compañía galega Paquito SL, radicada en Boiro e dedicada á cocción de mexillóns e ao rebozado de argola de lura.
Rivalizan coa oferta de Alfonso Caneiro que ten unha frota palangreira con cota de pesca de sardiña e canles de venda (supermercados) ademais de negocios de restauración e de enerxía fotovoltaica. Entrar no sector conserveiro permitiría ao seu grupo de empresas completar a transformación da materia prima, que agora encarga a terceiros.
Segundo explicou o empresario vigués, foron os sindicatos CIG e CCOO quen lle convenceu desta operación "para evitar a perda de empregos".
Relacionadas:
-
O BNG leva ao Parlamento a situación da conserveira Thenaisie
Por Redacción |
-
O Grove sae de novo á rúa para defender os postos de traballo na conserveira Thenaisie Provote
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Seis días de folga na conserveira Thenaisie para forzar a implicación da Xunta na garantía dos empregos
Por Redacción |
-
Numerosa marcha no Grove en demanda dunha solución para a conserveira Thenaisie Provoté
Por Redacción |