Axentes da Policía Local rescatan un can en Chancelas pechado nun turismo a máis de 35 graos de temperatura
Por Redacción
Un can era salvado de sufrir graves danos para a súa saúde polos axentes da Policía Local de Poio durante a xornada do domingo 5. O animal atopábase encerrado nun turismo que fora aparcado na estrada PO-308, entre dúas das praias do lugar de Chancelas, na parroquia de Combarro.
Varios transeúntes e veciños do lugar alertaban á Policía Local da presenza da mascota dentro do vehículo, que se movía intranquila intentando saír. Ata alí desprazábanse os axentes que liberaron ao can que presentaba síntomas de deshidratación, xa que as temperaturas que se rexistraban no interior do turismo superaban os 35 graos, ao atoparse estacionado a pleno sol nun día de calor intensa.
A propietaria, unha veciña de Culleredo, atopábase tomando o sol nunha das praias e deixara ao animal encerrado no vehículo. Os axentes tramitaron unha denuncia por incumprimento da Lei de Benestar Animal.
Os axentes tamén tiveron que intervir este luns 6 de xullo nunha leira de San Xoán. Alí, outro can atopábase atado cunha cadea e presentaba diferentes feridas. A Policía Local procedeu á súa liberación e foi trasladado a un centro veterinario.
O animal finalmente foi entregado en custodia á Asociación Amigos da Canceira. Desde a Policía Local tamén se tramitou a denuncia contra a propietaria do animal, unha veciña da parroquia.
A normativa da lei autonómica establece multas que oscilan entre os 500 e os 5.000 euros por malos tratos animais. Os axentes lembran que as persoas que posúen animais de compañía deben atender as súas necesidades e garantir en todo momento o benestar destas mascotas.