Crece o interese en Pontevedra por rehabilitar vivendas no rural
Por Alejandro Espiño
A COVID-19 cambiou os hábitos de vida dos cidadáns en moitos sentidos, non só nas tarefas máis cotiás. Cada vez son máis as persoas que miran cara ao rural para recuperar un estilo de vida máis saudable. Así o acreditan os datos do propio sector.
Desde o Colexio de Arquitectos de Pontevedra explican que nas últimas semanas "disparáronse" as consultas para a rehabilitación de vivendas xa existentes no rural ou os que se dirixen a eles con vistas a comprar unha residencia nestas zonas.
Este tipo de proxectos, segundo Anselmo Villanueva e María Pierres, presidente e secretaria dos arquitectos pontevedreses respectivamente, están "a salvar" dalgunha maneira a actividade do sector, moi afectada pola pandemia sanitaria do coronavirus.
"Quedámonos con apenas un 10% do volume de traballo que tiñamos", asegura Pierres, que afirma que estes datos non se rexistraban "desde os anos máis duros da crise". Son precisamente estas obras de rehabilitación as que lles manteñen á boia.
Os representantes do Colexio de Arquitectos de Pontevedra entenden que "esta dinámica seguirá" nos próximos meses, xa que as obras de vivenda nova "estanse retraendo", o que xera nos profesionais "máis medo de cara ao ano que vén".
Esta reflexión realizárona durante a firma do convenio co Concello de Pontevedra para mellorar a interoperatividade entre ambos os organismos na concesión das licenzas, conectando as súas plataformas electrónicas para axilizar a tramitación de expedientes.
"É un paso enorme para os cidadáns e para os profesionais", sinalou Villanueva, que xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, rubricou este acordo que busca ser un "revulsivo" para que se axilicen as licenzas de construción ou rehabilitación.
Pontevedra é, despois de Vigo e Lugo, a terceira cidade galega que alcanza un acordo similar cos arquitectos que, a partir de agora, colgarán os seus proxectos na plataforma para que os técnicos municipais os consulten, reducindo as "suspicacias" segundo o presidente do colexio pontevedrés.
Relacionadas:
-
Os arquitectos técnicos animan á cidadanía a coñecer as axudas europeas para rehabilitar vivendas
Por Redacción |
-
Vivenda asina co Concello de Pontevedra as axudas para as áreas de rehabilitación
Por Oskar Viéitez |
-
O temor a unha crise económica frea o desexo de comprar unha vivenda no rural que disparou o confinamento
Por Manu Otero |
-
Os arquitectos ven "eivas" no PXOM de Pontevedra pero optan por facer un "lifting" ao actual
Por Alejandro Espiño |
-
Os arquitectos colaborarán co Concello para axilizar as licenzas urbanísticas
Por Alejandro Espiño |