Falece Manuel Rial, o primeiro alcalde da democracia na Lama
Por Redacción
Tres días de loito oficial decretou o Concello da Lama tras o falecemento de Manuel Rial González, o primeiro alcalde que tivo o municipio tras a chegada da democracia.
Rial González, que foi alcalde da Lama entre os anos 1979 e 1995, faleceu aos 84 anos na súa casa, situada na parroquia de Seixido.
O corpo do ex alcalde será velado no tanatorio da Lama ata este mércores, desde onde partirá ás 10.45 horas para ser enterrado no cemiterio de Seixido.
Nacido na Escusa (Poio), Manuel Rial González, que era garda forestal de profesión, era un home moi apreciado no municipio polo seu talante e carácter afable ademais de ser moi valorado pola súa xestión ao fronte do Concello, do que foi nomeado fillo adoptivo no ano 2002. Enviuvara recentemente e tiña dous fillos
Durante o seu mandato, entre outras obras, A Lama impulsou a construción do actual centro penitenciario, segundo destacan desde o goberno municipal, que tamén apunta que a baixo a súa xestión executouse a traída de auga, a mellora de camiños rurais, os cemiterios, a praia fluvial do Verdugo, o pavillón municipal de deportes ou o Monumento á Emigración.
O propio Concello, o ano pasado, rendeu unha homenaxe ao seu primeiro alcalde, que militaba en Alianza Popular -o precedente do Partido Popular-. Foi o seu último acto público.
Os membros da corporación gardaron este martes un minuto de silencio na honra e en memoria de Manuel Rial e ordenaron aos operarios municipais que as bandeiras da fachada principal do consistorio ondearan a media asta, ao tempo que suspendían todas as actividades oficiais.