Intensa axenda da "brigada das fochancas" no rural pontevedrés
Por Oskar Viéitez
Os traballadores do servizo de Vías e Obras do Concello de Pontevedra, teñen durante este mes unha intensa axenda con diversos traballos nas parroquias do rural pontevedrés.
Trátase fundamentalmente de obras para conservar e mellorar os espazos públicos e mantelos nas mellores condicións de uso para todos os veciños.
Traballos de limpeza de cunetas, arranxos de camiños, pavimentacións, canalizacións de pluviais e bacheos en parroquias como Verducido, Lérez, Cerponzóns, Santa María de Xeve ou Bora.
Na parroquia de Verducido, o Concello está a realizar un plan de limpeza de cunetas en todos os lugares da parroquia e, en breve, comezará o arranxo integral das pistas do lugar do Gabián con traballos de pavimentación, limpeza e construción de cunetas, canalizacións de pluviais.
Tamén está previsto a iluminación artística dun carballo senlleiro do lugar.
O Concello tamén está a executar o arranxo dunha pista en Gatomorto, na parroquia de Santa María de Xeve, ancheando, pavimentando e canalizacións de pluviais que une Gatomorto de Arriba coa estrada xeral de Santa María cara a estrada de Ourense.
Na parroquia de Bora, o Concello acaba de rematar o arranxo de Bora da estrada da Cardosa (une as parroquias de Bora con Marcón), onde se fixo pavimentación da vía e traballos de canalización de pluviais.
Nestes días comezará o plan de bacheo das vías municipais do rural na parroquia de Lérez, e está a piques de rematar na parroquia de Cerponzóns. Nesta última, está pendente de pequenos remates que se farán unha vez veña o bo tempo.