Proxectan remodelar as instalacións do parque de bombeiros de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra está a ultimar o proxecto para remodelar as instalacións do parque municipal de bombeiros, construído na súa actual localización da rúa Domingo Fontán hai case 25 anos. Así o avanzou este mércores o edil de Facenda, Raimundo González.
A esta reforma o goberno municipal destinará uns 350.000 euros, que integran unha modificación de crédito que, por valor de 3.435.000 euros, se aprobará no pleno que a corporación celebrará o vindeiro luns 20 de xullo.
A falta dunha maior concreción sobre esta actuación, Raimundo González explicou que a pesar dos arranxos " puntuais" que se realizaron nas instalacións, o parque necesita unha remodelación para adecuarse ás necesidades do servizo de extinción de incendios.
Así, entre outras cousas, o proxecto prevé acometer unha reforma "profunda" en todas as zonas comúns do parque de bombeiros e de toda a súa planta baixa, onde se concentra a maior parte da actividade deste servizo.
Esta será unha das maiores partidas dunha modificación de crédito que elevará o orzamento municipal de Pontevedra, aprobado inicialmente por 79,3 millóns de euros, ata rozar os 100 millóns, concretamente ata 99.998.625 euros.
Xunto coa remodelación do parque de bombeiros, o diñeiro que se incorporará ao orzamento destinarase ás subvencións a autónomos e microempresas, cunha partida de 1.250.000 euros e que, segundo González, poderase aumentar en función das necesidades.
Outros 722.000 euros serán investidos en actuacións de accesibilidade urbana en Valdecorvos, O Gorgullón, O Burgo, Avenida de Vigo, Taboada Nieto e Cobián Roffignac; mentres que 320.000 euros serán para a renovación da iluminación en Campañó, Alba e Cerponzóns.
Ademais, o Concello repartirá outros 300.000 euros entre os clubs deportivos da cidade en axudas pendentes e reforzará con 100.000 euros máis a partida destinada a situacións de emerxencia social, entre outras actuacións que completan esta modificación de crédito.
Os 3,4 millóns que se incorporarán ao orzamento sairán "maioritariamente", explicou o responsable das contas municipais, de remanentes de tesourería (2,8 millóns), mentres que o resto, uns 650.000 euros, serán de cambios en diferentes partidas existentes.
Relacionadas:
-
Pontevedra quere xuntar Policía Local e Bombeiros nun novo edificio para Emerxencias
Por Alejandro Espiño |
-
A compra de novos equipos sitúa ao parque de bombeiros de Pontevedra á vangarda tecnolóxica de Galicia
Por Redacción |
-
Non haberá cambios nas axudas municipais a autónomos e microempresas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A corporación insta ao Sergas a repoñer "sen máis dilación" o médico en Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP pide "refacer" as axudas a autónomos e microempresas para que sexan "eficaces"
Por Alejandro Espiño |
-
Autónomos e empresas poderán solicitar un anticipo do 75% das axudas municipais
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra aproba o seu plan financieiro entre críticas da oposición á xestión económica
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |