‘Espétalle un Pincho’ abre esta fin de semana as celebracións do ‘Carneiro ao Espeto’ de Moraña
Por Redacción
A 51 edición da Festa do Carneiro ao Espeto vai comezar esta fin de semana en Moraña coa primeira das actividades gastronómicas programadas.
O sábado 11 de xuño terá lugar a novena edición de ‘Espétalle un Pincho’ cun novidoso formato de rúa que pretende achegar aínda máis esta actividade á cidadanía e facilitar o estrito cumprimento dos protocolos sanitarios establecidos polo Concello de Moraña para protexer a todos os participantes fronte ao coronavirus.
En ‘Espétalle un Pincho’ participan cinco establecementos de hostalaría de Moraña, co apoio do chef Miguel Mosteiro, que servirán uns 1.500 petiscos das máis variadas formas de cociñar o carneiro. Está previsto que se empreguen dous carneiros por cada participante, ata un total de doce, e case 150 quilogramos de carne, tendo en conta que as pezas serán as habituais de Moraña de entre 11 e 13 quilos.
As actividades comezarán este sábado, ás 19.00 horas, cun showcooking a cargo do prestixioso cociñeiro Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, que preparará diversos pratos para unha trintena de persoas. Os veciños interesados en asistir a este evento deben inscribirse previamente na Casa da Cultura de Moraña, desde onde se lembra que haberá que acudir obrigatoriamente con máscara protectora.
Tras este acto, comezará a degustación de petiscos, tamén na céntrica carballeira, cun novidoso formato de casetas, co que se pretende darlle un pulo a ‘Espétalle un Pincho’ e favorecer, así mesmo, a seguridade sanitaria. Os locais participantes que servirán os petiscos de carneiro serán: A Adega, Casa Varela, Café Bar O Congo, Vi Sports e Asador O Xavique, xunto co stand do chef Mosteiro.
A xornada gastronómica estará animada coas actuacións de Pablo Balseiro e Os Cascarillas e marcará o punto de saída da ampla programación da 51ª Festa do Carneiro ao Espeto, que disporá de máis dunha vintena de actividades espalladas en algo menos de tres semanas ata o domingo 26 de xullo, día grande da exaltación do prato típico de Moraña.
Relacionadas:
-
Moraña renova o seu amor ao Carneiro ao Espeto en tempos de coronavirus
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A Ruta dos Artistas de Moraña, punto de partida para a Festa do Carneiro ao Espeto máis inusual
Por Redacción |
-
Actividades familiares e unha exposición ao aire libre na senda de Portamós animarán a Festa do Carneiro
Por Redacción |
-
De Vacas, Touriñán, Luis Emilio Batallán e Queimán e Pousa encabezan o programa da 51 Festa do Carneiro ao Espeto
Por Redacción |
-
Aberta a reserva de lotes da Festa do Carneiro de Moraña para celebrar o xantar de exaltación nas casas
Por Redacción |
-
Moraña manterá o asado da Festa do Carneiro ao Espeto pero a comida, en cada casa
Por Redacción |
-
Moraña inicia os preparativos da Festa do Carneiro ao Espeto adaptada á nova normalidade
Por Redacción |