Ponte Caldelas critica un mal servizo da Xunta na retirada de niños de velutina e asume a xestión
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas tomou a iniciativa de encargarse da retirada dos niños de velutina a pesar de que a administración competente para o control de pragas é a Xunta de Galicia. Encargou o servizo a unha empresa especializada, segundo explica, para dar respostas ás reiteradas queixas veciñais polo "mal funcionamento" que aseguran que ten o servizo que presta a Xunta.
Desde que se contratou o servizo, xa van retirados medio cento de niños e, segundo deu a coñecer o Concello a través dun comunicado, o custo da retirada para as contas municipais é de 108,90 euros por niño.
Todos os avisos poderán darse no Concello de Ponte Caldelas chamando ao 986750013 (extensión 2) e a empresa especializada fará a retirada coa maior brevidade posible.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, explicou que quere evitar calquera risco para os seus veciños e por iso tomou a iniciativa e asumiu a retirada dos niños que forman estas perigosas avespas.
A seguridade dos veciños é "unha prioridade" e levou ao Concello a "coller o temón do problema "que están a supoñer os niños de velutina". A nivel municipal dan, desta maneira, unha resposta que cualifican como "rápida e eficaz" á veciñanza, pois, segundo explicou o alcalde, os veciños trasladáronlle "en numerosas ocasións" o seu malestar e a preocupación polos niños que van xurdindo e que, pese a chamar en numerosas ocasións ao 012, non se lle retiran nin se lle dá unha solución.