Unha dotación dos Bombeiros de Pontevedra sufoca o lume iniciado nunha barbacoa mal apagada en Arcebispo Xelmírez
Por Anxo Lourido
Ao redor das 15.00 horas deste mércores, o Parque de Bombeiros de Pontevedra recibía a chamada dun particular que alertaba da presenza de fume nun garaxe na rúa Arcebispo Xelmírez.
Ata o lugar desprazábase unha dotación de bombeiros que comprobou que o espazo por onde saía o fume era un baixo dunha vivenda familiar. Segundo a información facilitada polo parque de bombeiros, a persoa residente na vivenda realizou unha grellada con sardiñas e os primeiros indicios apuntan a que quedou mal apagada causando o inicio do incendio.
O lume estendeuse polos mobles lindeiros e polo cableado eléctrico. Os bombeiros sufocaron o inicio das chamas, ventilaron o espazo no que se atopaban algúns aparellos domésticos e saneouse para restablecer a corrente eléctrica.
Ningunha persoa resultou intoxicada pola inhalación do fume nin se produciron danos persoais.