Sanxenxo acollerá o primeiro congreso científico-médico presencial post-covid19 en Galicia
Por Oskar Viéitez
Para o mes de outubro, concretamente os días 2 e 3, está previsto que Sanxenxo acolla a celebración do primeiro congreso científico-médico presencial post-covid19 en Galicia.
Trátase do 27º Congreso da Sociedade Galega de Hipertensión e 18º Congreso da Sociedade Galega de Risco Vascular, buscando ser portadores dunha actitude saudable.
Desde o comité organizador, o doutor Carlos Názara fixo fincapé en que este congreso supón unha "volta á normalidade" na formación continuada e na actualización científica tras a covid19.
Ademais, Názara destaca que o SARS- COV2, é moi agresivo cunha mortalidade alta, unha media do 1,38%, "pero as enfermidades cardiovasculares seguen sendo a causa principal de morte nos países desenvolvidos alcanzando unha prevalencia de máis do 30% e un 25% de mortes prematuras, sendo as principais a enfermidade coronaria e o ictus".
Este congreso está considerado todo un referente a nivel nacional, como o mellor congreso autonómico en canto á actualización de coñecementos das enfermidades cardiovasculares.
O lema deste congreso é: "Unha actitude saudable é contaxiosa, pero non esperes a tomala doutra persoa, sé un portador".