Sen cambios na situación epidemiolóxica da área sanitaria: manténse en tres casos activos de coronavirus
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non rexistrou cambios na súa situación epidemiolóxica nas últimas 24 horas. Este xoves 9 de xullo suma tres casos activos de coronavirus, o mesmo número que os dous últimos días.
Segundo a última actualización de datos realizada polo Servizo Galego de Saúde, a área sanitaria mantense desde hai xa 42 días sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos, nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra.
Desta forma, os tres casos que permanecen activos en toda a área sanitaria atópanse nos seus domicilios, onde están a recibir seguimento médico.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 901 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 256. Deles, 22 son da área da Coruña, 190 da de Lugo, 1 da de Ourense, 3 da de Pontevedra, 24 da área de Vigo, 14 da de Santiago e 2 da de Ferrol. Desta forma, Pontevedra é a terceira área de Galicia en número de positivos, pois Ferrol e Ourense melloran os seus datos, con 2 e 1 casos activos.
Do total de pacientes positivos en Galicia, 7 están en unidades de hospitalización e 249 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.880 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 207.535 e tan só hai dous casos activos de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 256 casos positivos na comunidade, dúas son profesionais dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Catro casos activos manteñen a presión da COVID-19 na área sanitaria
Por Alejandro Espiño |
-
A área sanitaria cumpre 41 xornadas consecutivas sen pacientes covid ingresados
Por Oskar Viéitez |
-
Rexístrase un caso máis de Covid-19 nas últimas horas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |