As caldeiras de biomasa chegan aos centros educativos da Xunqueira
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Educación, a través do INEGA, investirá 977.000 euros na instalación da biomasa en varios centros educativos da cidade de Pontevedra .
A plataforma Contratos de Galicia publica este xoves a licitación desta actuación, da que se beneficiarán o CIFP Xunqueira, os CEIP A Xunqueira Nº1 e A Xunqueira Nº2, e os IES A Xunqueira I e A Xunqueira II. Trátase dunha actuación parcialmente financiada con fondos FEDER.
A actuación dá resposta á necesidade de substitución do sistema de calefacción existente nestes centros educativos. O novo sistema contará cunha instalación centralizada de produción de enerxía térmica por biomasa, para mellorar a eficiencia enerxética dos centros educativos, a través da diminución de consumo de combustible polo uso dun recurso renovable autóctono.
Para aloxar as caldeiras de produción térmica con biomasa construirase un pequeno edificio, que tamén albergará outros equipos necesarios para transportar a enerxía térmica ás salas de caldeiras de cada centro, así como a conexión aos circuítos de distribución existentes.
O edificio terá unha superficie total construída de 265,65 m² e útil de 235,18 m². disporá de dous compartimentos no seu interior, un para o almacenamento da biomasa e outro que será empregado como sala de caldeiras e equipos de distribución hidráulica. A cimentación da estrutura realizarase mediante unha lousa de cimentación de formigón armado de 40 centímetros e a estrutura portante mediante pórticos metálicos.
Este volume situarase a carón do CIFP A Xunqueira, dado que é máis fácil neses espazo o acceso de camións. Ademais, a nova instalación pode ter un carácter didáctico neste centro. O obxectivo é iniciar as obras no centro durante o verán e compatibilizalas co curso escolar, sempre baixo as máximas medidas de seguridade. Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses.