SATSE denuncia un peche de camas "aleatorio" na área sanitaria de Pontevedra
Por Redacción
O Sindicato de Enfermería, SATSE, denuncia o peche de camas e plantas nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra "baseado tan só no alcance dunha serie de obxectivos economicistas que repercuten directamente na calidade asistencial".
Os profesionais aseguran que estas decisións ademais de prexudicar aos pacientes xera presión entre os enfermeiros, "molestos polo peche e apertura de forma aleatoria de certas plantas, movendo sen previsión aos profesionais dunha planta a outra. Todo por non ter unidades abertas e por non contratar enfermeiras", lamentan.
Segundo este sindicato, a área sanitaria de Pontevedra pretende deixar baleiras máis de 80 camas este verán. Neste sentido, o sindicato advirte que "a calidade dos coidados por parte das enfermeiras está a perderse, non polos profesionais de enfermería, senón pola xestión exclusivamente medicalizada que leva a cabo no Hospital Montecelo".
SATSE considera que a mala xestión vén dada por basear todo o traballo en “números e alcance de obxectivos”, pero impedindo que os profesionais de Enfermería poidan propoñer unha mellora na xestión, baseándose noutros criterios que coidan máis a calidade asistencial e a continuidade do coidado e seguridade, primándoa por encima de decisións economicistas.
Doutra banda, sosteñen que as listas de contratación teñen a máis de 300 profesionais en suspensión de chamamentos de preto de 700 coas que conta a lista. As malas condicións de traballo fai que moitos profesionais inclínense pola sanidade privada e "repercute nos profesionais de enfermería fixos, que ven sobrecargados, ao non ter opción de cobertura das súas ausencias", critican.