O goberno local de Poio insta a Movistar a levar a fibra óptica ás zonas do municipio que carecen deste servizo
Por Redacción
Chelo Besada, tenente de alcalde e concelleira de Servizos e Obras de Poio, enviará un novo escrito á multinacional española de telecomunicacións Movistar para instarlle a que realice os traballos oportunos que permitan levar a fibra óptica a todo o municipio de Poio.
Segundo a representante municipal, na maioría das zonas nas que aínda non se instalou a fibra óptica, hai infraestruturas para implantala. Por iso, Besada lémbralle á empresa que anunciara prestar este servizo á totalidade do territorio municipal.
Sinala que o Concello de Poio iniciou en 2009 as xestións para que este sistema de ancho de banda da internet chegase a todos os puntos de Poio e implicouse á hora de axilizar as tramitacións para facilitar os traballos en terreos de propiedade municipal, como no caso do centro histórico de Combarro. Afirma que noutros puntos como en Covelo, na parroquia de Samieira, onde a veciñanza reclama a fibra óptica, os terreos pertencen a outras administracións ou a particulares.
Neste sentido, Besada lembra que o servizo chega da man dunha empresa privada que se rexe por motivacións económicas, malia que o Concello medie e facilite terreos para a instalación de postes e cableado cando existe algunha dificultade por parte dos propietarios.
Desde o goberno local indican que no últimos cinco anos aumentou notablemente a dotación de fibra óptica no municipio pero alegan que, para chegar á súa totalidade, é necesario que Movistar execute os traballos e poña en marcha o servizo, sobre todo cando ten un convenio co Estado polo que recibe investimentos de diñeiro público para implantar este sistema en todo o territorio nacional.
Relacionadas:
-
Poio pide á Xunta que requira a Telefónica o despregue da fibra óptica
Por Redacción |
-
O PP pide o apoio do Concello de Poio á reivindicación de fibra óptica da veciñanza de Samieira
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra estuda un plan para estender a fibra óptica por todo o centro histórico
Por Alejandro Espiño |
-
Neste ano a fibra óptica chegará ao 90% das vivendas de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
"E a fibra para cando?" reclama a veciñanza de Samieira
Por Oskar Viéitez |
-
Comeza a implantación da fibra óptica por Tenorio e Viascón
Por Redacción |