Sanxenxo incrementa o equipo dos seus socorristas con novas emisoras e desfibriladores para o verán post Covid-19
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo realizou un investimento de 22.734 euros na dotación de novo material para o servizo de Salvamento este verán marcado pola crise do coronavirus no que se están extremando todas as precaucións. Nas últimas horas, realizou unha nova entrega de desfibriladores e emisoras para uso dos socorristas.
O concelleiro de Seguridade, Jaime Leiro, entregou o novo material este xoves aos socorristas de praias na sede de Emerxencias de Sanxenxo. Con este novo material o servizo refórzase con nove desfibriladores que se suman aos sete cos que xa contan, dous maletíns estancos para o transporte do material para as dúas lanchas que percorren a costa do municipio polos 28 areais e 10 novas emisoras dixitais cunha maior potencia e funcionalidade que as actuais.
Nos próximos días, entregaranse 25 novos megáfonos aos socorristas e acomodadores tras detectar fallos nos actuais e ao ser, nestes momentos, un elemento de comunicación moi útil para enviar mensaxes aos bañistas e lembrar a necesidade de manter a distancia de seguridade e evitar as aglomeracións.
Segundo Jaime Leiro, o obxectivo é "ir mellorando e renovando" o material para que o servizo e atención nas praias sexa óptimo. Este verán, ademais, consideran "especialmente importante" o traballo do persoal de praias pola situación de alerta sanitaria.
Os módulos dos socorristas contan este verán con termómetros infravermellos para medir a temperatura a distancia, táboas de rescate, oxímetros e férulas semirríxidas. Ademais, este verán para evitar o contacto cunha posible vítima na praia, a respiración asistida non se realizará a través de máscara RCP senón a través do balón de ventilación.