Andaina contra a "basuraleza" no Umia
Por Redacción
O río Umia, ao seu paso por Caldas, foi o escenario no que se desenvolveu este xoves unha andaina popular promovida por veciños do municipio co obxectivo de limpar as beiras do río de lixo e concienciar á cidadanía da necesidade de coidar o medio ambiente. Entre o centro urbano e a fervenza de Segade e coa participación dunha vintena de persoas, a actividade serviu para retirar toda clase de residuos que deterioran este valioso espazo natural.
"Queremos cambiar a dinámica e conseguir que o bo estado dos cursos fluviais e espazos naturais non depende de limpezas puntuais senón da concienciación cidadá", declarou un dos promotores da iniciativa.
Ao longo da xornada extraeron das ribeiras do Umia obxectos tan variados como plásticos, latas de bebida, envases, cabichas, un pneumático e mesmo dúas baterías de coche. Desperdicios que afectaban á fauna e flora autóctona do río Umia no que habitan especies vulnerables como a ra patilarga.
Enmarcada no proxecto Libera creado pola SEO Birdlife, Ecoembes e a FEMP, a intención é animar a veciños e turistas a gozar deste tipo de contornas dunha maneira responsable. O goberno local, cuxos integrantes percorreron unha parte do itinerario, colabora coa iniciativa e ten en marcha unha campaña informativa, consistente na colocación de carteis que lembran a necesidade de non ensuciar, para manter a beleza natural das súas paraxes.
Relacionadas:
-
Caldas convida a coñecer a biodiversidade do Umia cunha andaina divulgativa
Por Redacción |
-
Traballos de conservación e mantemento no leito do río Bermaña, en Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Caldas únese á campaña contra a 'basuraleza' nun verán no que se prevé un aumento do turismo de natureza
Por Redacción |
-
Un estudo identifica 178 especies diferentes nos ríos Umia e Bermaña
Por Oskar Viéitez |