Falece un home de 72 anos que quedou atrapado debaixo dun tractor en Vilaboa
Por Natalia Puga
Un veciño de San Adrián de Cobres de 72 anos faleceu no serán deste xoves tras sufrir un accidente no que quedou atrapado debaixo dun tractor.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o accidente produciuse ás 20.30 horas deste xoves, cando o home estaba a realizar labores de recollida de maleza, o tractor envorcou e quedou atrapado debaixo.
Diversos medios de emerxencias como Protección Civil ou os Bombeiros de Pontevedra e O Morrazo desprazáronse ao lugar e procederon a excarcerar ao home, pero xa falecera por esmagamento.
Ademais, acudiron ao lugar efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia 061 que nada puideron facer por salvarlle a vida e unha patrulla da Garda Civil de tráfico, que agora traballa na elaboración dun atestado sobre o sucedido.
O sinistro está cualificado como accidente de tráfico, non laboral. Produciuse no lugar de Sobreira, na parroquia de San Adrián de Cobres, en Vilaboa.