A Xustiza gratuíta en Pontevedra: 531 avogados atenden 12.706 asuntos nun ano
Por Natalia Puga
Un total de 531 letrados do Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra prestan servizos de Xustiza Gratuíta e durante o ano 2019 atenderon 12.706 asuntos, converténdose no segundo órgano colexial galego con máis actividade neste sentido, só superado polos 13.321 da Coruña e por encima dos 9.338 aos que deron saída os 652 que se suman ao servizo en Vigo.
Segundo as cifras difundidas polo Consejo General de la Abogacía Española, os colexios de avogados de toda Galicia atenderon 56.859 asuntos, o que supón un incremento do 12,1% con respecto a 2018 cando os letrados do servizo de Asistencia Xurídica Gratuíta xestionaron 50.726. En toda España, os 83 colexios de avogados atenderon 1.996.669 asuntos, un 5,6% máis que en 2018.
Tendo en cuenta os diferentes servizos de Asistencia Xurídica Gratuíta, a quenda de oficio é o que xera máis actividade, case 35.000 en Galicia, dos que 7.511 foron en Pontevedra. Outros 4.501 en Pontevedra -19.613 en Galicia- corresponden á Asistencia Letrada ao Detido.
O Servizo de Violencia de Xénero atendeu en 2019 en todo Galicia 2.743 asuntos, dos que 694 foron na área de influencia do Colexio de Avogados de Pontevedra, a de maior tamaño da provincia.
En España, as distintas Administracións Públicas destinaron máis de 285,8 millóns de euros durante 2019 á Asistencia Xurídica Gratuíta, o que supón un incremento do 6,5% con respecto a 2018. O investimento medio por cidadán destinada a Xustiza Gratuíta é de 6,08 euros por ano e a retribución media que percibe o avogado da Quenda de Oficio por cada asunto tramitado é de 143,16 euros.
En Galicia, o investimento foi de 10,8 millóns, dos que 2,39 están vinculados ao Colexio de Avogados de Pontevedra, de novo, o segundo que recibe máis asignación, en proporción ao número de asuntos.
Dentro da actividade do órgano pontevedrés, o servizo de Violencia de Xénero suma un importe que supera os 78.505, moi por baixo do investimento na quenda de oficio (1,6 millóns) e na asistencia letrada ao letrado, servizo ao que se asignaron 504.903 euros. A Quenda de Oficio acaparou en 2019, por tanto, a maior parte do gasto.
O Comité de Expertos que participa no Observatorio de Xustiza Gratuíta, formado maioritariamente por personalidades alleas á avogacía, elaborou as súas Recomendacións coa finalidade de alcanzar un Servizo de Asistencia Xurídica Gratuíta máis eficiente, que conte cunha maior sustentabilidade económica, que se oriente cara a unha maior calidade e que garanta os dereitos das persoas máis desfavorecidas.
Os expertos consideran, entre outras actuacións, que é necesario aproveitar o borrador de Lei Orgánica do Dereito de Defensa como instrumento para reforzar o dereito á Asistencia Xurídica Gratuíta, ampliar as áreas de especialización para os profesionais da Quenda de Oficio co obxectivo de estender este servizo a colectivos en situación de especial vulnerabilidade e modificar o importe do IPREM para evitar a exclusión de determinados núcleos familiares do beneficio de Xustiza Gratuíta.
Propón, así mesmo, revisar os módulos e bases de compensación e os gastos de infraestrutura e garantir a cobranza do traballo efectivamente realizado en casos de denegación do beneficio de Xustiza Gratuíta por causas imputables ao xusticiable.
A avaliación da Asistencia Xurídica Gratuíta entre as persoas que fixeron uso dela é altamente satisfactoria, segundo os datos obtidos da enquisa entre cidadáns e usuarios da Xustiza Gratuíta realizada por Metroscopia para o XIV Observatorio de Xustiza Gratuíta. O 80% dos cidadáns considera que a dedicación do avogado que se ocupou do seu caso foi 'moi boa' ou 'boa', mentres que un 81% avalía positivamente a atención e o asesoramento recibidos do Colexio de Avogados ao que correspondeu o seu caso.
Un 2% dos españois (700.000 cidadáns), segundo os datos desta sondaxe, manifesta a súa intención de presentar nos próximos meses reclamacións ante os tribunais por decisións ou por episodios relacionados coa epidemia de coronavirus. O 84% dos españois pensa que será moi difícil que os tribunais logren recuperar os atrasos no seu funcionamento acumulados nestes meses últimos.
Relacionadas:
-
O 4,6% dos servizos de xustiza gratuíta son para atender a casos de violencia de xénero
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra, capital do dereito penitenciario durante dous días
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un de cada dous avogados pontevedreses prestan servizos na quenda de oficio, máis que a media estatal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
En Pontevedra, un avogado de quenda de oficio cobra 2 euros a hora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |