Un novo positivo por coronavirus eleva a catro os casos activos na área sanitaria
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou volveu a sufrir un pequeno aumento da incidencia de coronavirus. Este venres 10 de xullo contabiliza catro casos activos de coronavirus, un máis que 24 horas antes.
En todo caso, trátase de casos leves. Do mesmo xeito que os tres que xa se contabilizaban o xoves, este cuarto tamén se atopa no seu domicilio.
Segundo a última actualización de datos realizada polo Servizo Galego de Saúde, a área sanitaria mantense desde hai xa 43 días sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos, nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 901 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 259, tres máis que o xoves. Deles, 25 son da área da Coruña, 196 da de Lugo, 2 da de Ourense, 4 da de Pontevedra, 16 da área de Vigo, 14 da de Santiago, e 2 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI en Vigo, 7 están en unidades de hospitalización e 251 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 10.898 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 210.649 e tan só hai dous casos activos de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 256 casos positivos na comunidade, dúas son profesionais dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.