Os 'bos agoiros' da fin da campaña de Feijóo coas campás de San Francisco de fondo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Ás 12 repicaron as campás da igrexa de San Francisco. Nada extraordinario no funcionamento do templo, un día máis, pero non todos os días son iguais e este venres o seu son tivo unha interpretación ben distinta da habitual. A tan só uns metros, nas escaleiras do antigo edificio de Facenda, Alberto Núñez Feijóo protagonizaba un dos sete actos que tiña programados para a última xornada da campaña electoral e escoitar como repicaban deulle ánimos.
"Poder falar tocando as campañas son bos augurios", sinalou, sen ocultar o sorriso. Con ese son de fondo, coroou a súa mensaxe de chamar ao voto masivo do electorado á súa formación para seguir polo bo camiño que lle deu a Galicia nos seus últimos 11 anos de goberno.
Nin feita a propósito tería logrado o candidato do PP tan boa coincidencia, pois as campás empezaron a repicar nun momento no que empezaba a glosar as súas achegas destes anos a Pontevedra, nunha lexislatura que foi tamén na que "máis se investiu" no municipio, cun investimento que "xa se nota, xa se ve, xa se pode disfrutar" en actuacións como a estación intermodal, o edificio da Xunta en Benito Corbal ou a licitación do Gran Montecelo. E todo mentres soaban de fondo. "Unha lexislatura de xúbilo, por iso tocan as campás neste momento", engadiu el.
Foi o colofón a un discurso no que falou en ton vitorioso en relación cos logros do seu goberno, pero no que non esqueceu as alusións constantes que leva facendo toda a campaña á situación de alerta sanitaria. Estas eleccións, insistiu, chegan nun momento "decisivo" porque é necesario acreditar moitas cousas, sobre todo, seguridade para os próximos anos e experiencia e xestión porque "estamos nun momento onde conflúen todas as malas noticias".
Feijóo ten posto o uniforme de campaña e non o quitou nin para o seu paseo posterior pola rúa Benito Corbal e a praza de Barcelos, onde as restricións da pandemia e a barreira das máscaras reduciu o número de persoas que se lle achegou -na anterior normalidade, era difícil que dera dez pasos sen parar a saudar-, pero si aproveito para relaxarse coas súas persoas máis achegadas en Pontevedra nun lugar inusual para un presidente da Xunta, o bar Canón de Pau de Barcelos.
Lugar de parada habitual do vicepresidente da Xunta e tamén candidato Alfonso Rueda, este venres recibiu a visita de Feijóo; o presidente local do partido, Rafa Domínguez; e outros pesos pesados do PP a nivel local, a ex ministra Ana Pastor, a ex presidenta do Parlamento de Galicia Pilar Rojo, ou os tamén candidatos Lupe Murillo, Xosé Manuel Cores Tourís e Guille Juncal. Algúns pediron unha Estrella e os outros auga ou Coca-Cola e todos gozaron da empanada e do momento de ‘break’ de Feijóo. Xa coas forzas repostas, retomou a maratoniana xornada.
Desde o idílico paraxe dos xardíns de Casto Sampedro, coa Ferrería a un lado, San Francisco ao outro e o edificio de Facenda á fronte, xa deixara as mensaxes claras que elixira para o día, que non eran outras que alertar das "demoledoras" novas que a pandemia trae para as expectativas dos traballadores e de Galicia en xeral desde o punto de vista de competitividade e da seguridade e presentarse como a solución a ese futuro incerto post Covid-19.
Chegou Feijoó a Pontevedra nesta última parada antes de que o domingo 12 toque ir a votar para pedir o voto e para insistir en que tan só o que se deposite na urna coa papeleta do PP será bo "para Galicia, para a seguridade de Galicia e para a vitoria dos galegos". Temeroso de que o medo ao coronavirus aparte aos votantes dos colexios electorais fixo un chamamento a todas as persoas que a esa mesma hora, o mediodía, enchían as terrazas, comercios e rúas de Pontevedra para que "presten 15 minutos a Galicia e vaian votar".
Relacionadas:
-
Feijóo ve "máis razóns" que hai catro anos para votar pola "estabilidade" do PP fronte un "multipartito"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Feijóo pide aglutinar o voto ante as "incertezas" que traería "unha Galicia partida e repartida en partidos"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- Feijóo reivindica once anos de achegas a Pontevedra e máis de 44 millóns de euros investidos para o saneamento da Ría
Por Redacción |