Un farmacéutico pontevedrés ten a receita para acabar coas 'pombas-okupa' do Mercado
Por María José Pita
A remodelación do Mercado de Abastos de Pontevedra e a adaptación da planta superior como espazo gastronómico provocou a chegada dunhas incómodas visitantes: as pombas.
Ao principio, cando entraban polos espazos abertos do edificio, axiña eran espantadas polos praceiros. O problema é que nos últimos meses atoparon un lugar ideal para aniñar, onde non poden ser alcanzadas. É o caso da dorna que pende do teito do 'gastroespazo' e outros elementos decorativos, sempre a varios metros de altura e en zonas de difícil acceso.
Nun recinto onde a hixiene é fundamental, a presenza das 'pombas-okupa' converteuse nun auténtico problema. Manchan cos seus excrementos e restos de plumas, e mesmo chegaron a achegarse ás mesas dos comensais para rabuñar algunhas faragullas ou un resto de calquera alimento.
Ante esta situación, un farmacéutico pontevedrés, que acaba de trasladarse desde a praza de Curros Enríquez ás inmediacións da ponte das Correntes, Eduardo Esteban, propúxolle ao Concello de Pontevedra unha solución, a partir dunha fórmula propia que elabora no seu establecemento.
"Farmacia-Droguería Esteban ten experiencia no tratamento e na fabricación de produtos para escorrentar aves, pedíusenos consello e asinouse un convenio de traballo co Concello para facelo", comenta Eduardo Esteban, quen engade que se trata de "unha empresa difícil, porque as portas do Mercado están abertas, é un espazo moi grande, cunhas alturas tamén moi grandes".
Outra das dificultades estriba en que non se trata de matar ou cazar ás pombas, senón de escorrentalas. Unha vez estudado o caso, o farmacéutico pontevedrés propón un procedemento combinado no que "se van a utilizar uns fíos electromagnéticos que producen unhas vibracións imperceptibles para a persoa pero molestas para as aves e, doutra banda, vaise facer un tratamento de esparexer uns líquidos nas zonas onde se asentan as aves".
Esta última sería a fórmula do chamado Repelente de aves Esteban, un produto non tóxico, de cheiro e acción picante para as aves, que non as estresa e "convídaas" a non asentarse, segundo nos indica Eduardo Esteban. "O produto elabórase na farmacia desde tempo inmemorial, e agora vaise adaptar a esta nova necesidade; formulouse con substancias picantes, moi olorosas, con herbas naturais, entre as que destaca a mostaza e o allo, e esencias de plantas moi olorosas e repulsivas, como a ruda", matiza Esteban. A clave non só está nos ingredientes, senón tamén na cantidade de cada un deles. E aquí é onde entra en xogo o oficio deste farmacéutico-drogueiro, por unha banda para que o produto sexa efectivo sen causar dano nas aves e, por outra, para que os potentes cheiros non sexan percibidos polos usuarios do Mercado.
"Non soamente están as cantidades xustas senón que van ser pulverizadas a unha distancia e nun lugar onde se pousan as aves, non os humanos. Ademais de ter en conta que o sitio onde vai non sexa usado pola persoa directamente. Outro aspecto importante é que as substancias picantes van dispersas nunhas resinas que fan que se fixen á pedra, que non sexan volátiles, ou sexa, que o vento non as disperse polo Mercado; por iso leva unhas colas especiais que se secan e quedan nesas zonas determinadas".
Esta fórmula propia da Farmacia Esteban Droguería combinaríase coa instalación de dúas unidades de Repelente por ultrasón que está formado por "fíos finos que producen unha sensación sonora que escorrenta ás aves, e ese é un novo sistema que se incorporou agora a este tipo de problemas e que se vai a utilizar por primeira vez en Pontevedra no Mercado".
Nas vindeiras semanas realizarase unha primeira aplicación deste tratamento para ver como evoluciona e a súa efectividade. "Fíxose un pre-estudo para ver como ten que ir formulado para ese tipo de pedra e nese tipo de sitio; a outra parte é a experiencia, o día a día para ver como vai funcionando". A choiva é o principal inconveniente para estes tratamentos, pero ao ser a aplicación nunha zona interior, o único contratempo podería ser unha excesiva porosidade da pedra ou que zumegue humidade nos meses de inverno.
Para Eduardo Esteban a actuación no Mercado vai ser todo un reto que, de momento, vai abordando coa minuciosidade coa que elabora todas as súas fórmulas maxistrais cun éxito de anos. No caso do espantado de aves, conta cunha experiencia dilatada "sobre todo en naves portuarias, onde hai moita semente e gran; tamén en silos de millo, tanto de institucións como particulares que contan, por exemplo, cunha gandería para a que deben ter o millo almacenado e queren evitar ter unha diminución polas aves".
Ademais de elaborar repelentes para as aves, traballo non falta para esta Farmacia-Droguería. "Cada día estes produtos están a utilizarse máis por ser respectuosos coa contorna e cos animais, para pragas tan significativas como a do xabaril". En tempo de verán, a demanda é maior xa que "este tipo de produtos que facemos nós vendémolos moitísimo para hoteis e cámpings para repeler ou manter baixo control aos réptiles, lagartos, serpes... e que non invadan os espazos que se están utilizando para uso común ou para casas particulares", conclúe Eduardo Esteban.
Relacionadas:
-
Se as pulgas, serpes ou lepismas ameazan o teu fogar, Farmacia Esteban Droguería ten a solución
Por Noticia patrocinada |
-
O espazo gastronómico do Mercado homenaxea os sanitarios con descontos
Por Redacción |
-
O espazo gastronómico do Mercado sae da hibernación
Por Redacción |
-
Desvelado o misterio do local xunto á ponte das Correntes
Por Redacción |
-
A emblemática Droguería Moderna, fin dunha era
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |