Unha denuncia por vexacións e maltrato continuados en Poio que se queda en (case) nada
Por Natalia Puga
Unha denuncia por malos tratos continuados, vexacións, lesións e detención ilegal presentada por unha veciña de Poio rematou en maio nun xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra. O día do xuízo a suposta vítima retractouse, de forma que a acusación perdeu forza e o seu presunto maltratador pasou de enfrontarse a 20 anos de cárcere a 15 e, posteriormente, a ser condenado a un ano de prisión.
A Fiscalía mostrou a súa total desconformidade coa sentenza e recorreuna ante o Tribunal Supremo. Agora acaba de saír á luz que este recurso foi retirado, de tal forma que a resolución se confirma. O que puido ser unha condena a dúas décadas de prisión quedouse en que o procesado terá que entrar apenas uns meses.
Fontes xudiciais confirmaron que a tenente fiscal de Pontevedra e antiga delegada de Violencia de Xénero, Carmen Novo, presentou este verán un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Non obstante, unha vez que o caso caeu en mans doutro representante do Ministerio Público, foi retirado.
Así as cousas, segundo esta mesma fonte, o condenado tan só ten pendente de cumprir un período moi curto de tempo entre reixas, uns meses, xa que foi condenado a un ano e xa permaneceu un tempo en prisión preventiva.
A denuncia presentada no seu día que logo foi negado pola propia vítima falaba de que unha moza de Poio foi humillada, insultada e agredida pola súa parella, coa que levaba convivindo varios anos e que chegou a atala con cadeas á cama, encerrala na casa ou facelo beber líquido para fregar o chan.
Unha vez no xuízo, ela asegurou que o inventara todo. O home rematou condenado por unha agresión puntual e non polos malos tratos continuados durante dous anos que proferira nun primeiro momento a súa parella.