Catro casos activos manteñen a presión da COVID-19 na área sanitaria
Por Alejandro Espiño
Sen cambios nas últimas 24 horas. Así foi a evolución dos casos activos de COVID-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Os catro pacientes, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, evolucionan nos seus domicilios, onde permanecen illados.
A área sanitaria mantense desde hai xa 44 días sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos, nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 901 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 259, os mesmos que onte. Deles, 22 son da área da Coruña, 203 da de Lugo, 5 da de Ourense, 4 da de Pontevedra, 10 da área de Vigo, 14 da de Santiago e 1 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI en Vigo, 3 están en unidades de hospitalización e 255 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 10.926 persoas recuperadas da infección, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 213.244 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Un paciente ingresado en Montecelo eleva a seis os casos activos por coronavirus
Por Alejandro Espiño |
-
Cinco casos activos de coronavirus na área sanitaria, un máis que o sábado
Por Natalia Puga |
-
Un novo positivo por coronavirus eleva a catro os casos activos na área sanitaria
Por Natalia Puga |
-
Sen cambios na situación epidemiolóxica da área sanitaria: manténse en tres casos activos de coronavirus
Por Natalia Puga |