Cinco casos activos de coronavirus na área sanitaria, un máis que o sábado
Por Natalia Puga
Un novo caso activo de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Segundo a última actualización do Servizo Galego de Saúde, este domingo hai cinco positivos pola enfermidade, un máis que os catro rexistrados este sábado.
Os cincos pacientes con coronavirus que se manteñen como casos activos atópanse nos seus domicilios, onde reciben seguimento dos servizos médicos.
Desta forma, a área sanitaria leva mes e medio sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos, nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 901 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 253. Deles, 19 son da área da Coruña, 199 da de Lugo, 4 da de Ourense, 5 da de Pontevedra, 11 da área de Vigo, 14 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 4 están en unidades de hospitalización e 248 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.940 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 216.499 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 256 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.