Programación dun servizo estival de conciliación en Caldas para compatibilizar vida laboral e familiar
Por Redacción
A partir do 15 de xullo e ata o 15 de setembro, o Concello de Caldas terá en funcionamento un servizo municipal de conciliación destinado ás familias coa intención de que se poida combinar a vida laboral coa persoal e familiar ao longo deste verán.
A proposta diríxese a un grupo de 20 menores, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Este servizo realizarase nas dependencias do Fogar do Maior de Caldas de Reis. As persoas interesadas deberán realizar inscricións semanais ou por días soltos segundo as necesidades dos pais e das nais interesadas nesta alternativa. Para coñecer máis detalles, o Concello de Caldas pon a disposición os teléfonos 664 821 569 e 986 530 814 (CIM).
As persoas solicitantes deberán residir e estar empadroadas no Concello de Caldas. No caso de que se rexistren vacantes, poderán cubrirse os postos con persoas que acrediten que traballan no municipio, con familias monoparentais ou con dúas persoas proxenitoras en situación laboral activa.
Este programa finánciase con cargo a unha colaboración da Deputación de pontevedra para subvencionar actividades de apoio ás familias #ante o impacto da Covid-19 durante este ano e búscase fomentar a igualdade entre mulleres e homes. A concelleira de Igualdade, Inés Fuentes, considera que con esta programación preténdese ofrecer unha alternativa ás necesidades dos menores e das familias de forma segura e hixiénica e ofrecendo propostas lúdicas e educativas.