Un incendio forestal preto de vivendas na Gándara espállase por varias leiras e destrúe un galpón
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os bombeiros do Parque de Pontevedra tiveron unha intensa tarde durante a xornada deste luns 13 de xullo. Preto das 15.45 horas, o Servizo de Emerxencias do 112 Galicia alertábaos do brutal accidente de tráfico na estrada entre Pontevedra e Vilagarcía para que interviñesen na excarceración dunha vítima. No momento en que se atopaban neste incidente, eran reclamados desde a central para acudir á zona da Gándara, onde se produciu un incendio forestal próximo ás vivendas.
Unha vez que se comprobaba o falecemento do condutor dun dos vehículos, tres dos bombeiros desprazábanse á zona do incendio forestal #ante o perigo que supoñía ás casas lindeiras ao terreo onde se orixinaba o lume debido a que as lapas se estaban estendendo por outras leiras próximas.
Unha vez alí, os bombeiros comprobaron como un galpón quedara practicamente esnaquizado polo lume e refrixeraron toda a zona das casas para evitar que o incendio puidese chegar ata elas. Unha vez que as vivendas se atopaban a salvo os servizos forestais formados por tres motobombas, tres brigadas e un axente, continuaron coa extinción do lume coa axuda dun helicóptero.
As lapas atopábanse preto das vías do tren que pasan pola Gándara pero, segundo os bombeiros, non foi necesario realizar cortes no tráfico ferroviario.
O fume provocado por este incendio chamaba a atención desde distintos puntos do municipio, o que provocou que no Parque de Bombeiros rexistrásense numerosas chamadas. Ata o lugar tamén se achegaron dispositivos da Policía Local de Pontevedra coa presenza do novo xefe do corpo, José Manuel Duarte.
Relacionadas:
-
Residentes da Rúa Leandro del Río Carnota, en Lérez, piden a limpeza da contorna
Por Redacción |
-
Un incendio forestal intencionado queda ás portas dun núcleo de vivendas en Cuntis
Por Alejandro Espiño |
-
Oito operarios da brigada de prevención e defensa contra os lumes forestais xa vixían os montes de Poio
Por Redacción |