Un xulgado dá a razón ao Concello e nega a catro bombeiros cobrar as horas extra en vacacións
Por Natalia Puga
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra acaba de dar a razón ao Concello da capital e desestimar as demandas presentadas por catro bombeiros da cidade que reclamaban o pago de horas extra en períodos de vacacións e permisos.
A demanda dos traballadores do corpo de Bombeiros de Pontevedra era, en realidade, cobrar durante eses períodos a media de horas extra que lle correspondería en relación coas que realizan de forma habitual, pero o xulgado rexeitou a súa petición.
As catro sentencias deunas a coñecer este martes a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, que indicou que a resolución do xulgado pontevedrés é que a demanda dos bombeiros non tiña fundamento, dando por boas as teses do Concello.
Nestas catro sentencias, o Concello de Pontevedra gañou nas súas demandas, pero a Xunta de Goberno local celebrada este martes tamén tivo constancia doutro procedemento no que perdeu. Trátase dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que desestima un recurso contencioso administrativo presentado contra a Xunta por unha subvención.
Trátase dunha convocatoria de subvención á que concorreu o Concello para o servizo de Benestar Social para poder contratar a 20 persoas en risco de exclusión social e que lle foi denegada, segundo explicou Gulías, porque non se xustificou que a documentación presentada a asinase a secretaria municipal accidental e non o secretario titular.
O secretario titular estaba de vacacións no momento de formalizar a subvención, de modo que asinou a accidental e a sorpresa do Concello chegou cando a subvención chegou denegada porque non estaba debidamente acreditado por que asinaba ela. Nese momento, enviaron os xustificantes, pero quedaron sen subvención e recorreron, pero a súa demanda foi desestimada.
O TSXG desestima o recurso do Concello e a portavoz municipal sinala que, como non podía ser doutra forma, acatan a resolución, pero non a comparten, pois lembra que é a propia Xunta de Galicia que lles denegou a subvención a que nomeou á secretaria accidental.
O Concello non recorrerá a sentenza, que o condena ao pago das costas do procedemento xudicial ata un máximo de 1.000 euros.