Denuncian a retirada da ambulancia medicalizada do Salnés para trasladala indefinidamente a Sanxenxo
Por Redacción
O sindicato CIG alertou da decisión do Goberno da Xunta de Galicia de trasladar a ambulancia medicalizada do Salnés a partir do próximo mércores ao Concello de Sanxenxo, establecéndose na base do centro de saúde do municipio turístico.
Desta forma, denuncia o sindicato, se nas próximas semanas prodúcese, por exemplo, un infarto nun municipio como Vilagarcía, a ambulancia medicalizada tardará máis de 30 minutos en chegar procedente de Sanxenxo, coa importancia que ten o tempo de actuación nestes casos.
Xabier Aboi, secretario comarcal da FGAMT-CIG, considera que esta decisión é un engano e un menosprezo absoluto a toda a cidadanía da comarca ao realizarse este recorte dos servizos públicos despois de coñecer os resultados electorais co obxectivo de que a decisión non pasase factura nos comicios.
Esta ambulancia medicalizada que ten a súa base no Hospital do Salnés iniciou a súa actividade en outubro de 2019, ante a demanda da cidadanía desta zona da área sanitaria. Conta cun médico e unha enfermeira, ademais dunha persoa técnica. Trátase, segundo a CIG, a mínima para prestar unha atención adecuada para evitar a sobrecarga de traballo no persoal.
Aboi sinala que a poboación estable de Sanxenxo é moi inferior á que actualmente presa servizo esta ambulancia medicalizada no Salnés, que alcanza as 90.000 persoas residentes nos Concellos de Vilagarcía, Cambados, Ribadumia, A Illa, Meis, Catoira, Vilanova e Caldas. E ademais indica que o municipio turístico onde goberna Telmo Martín xa conta cunha ambulancia medicalizada con base en Pontevedra para cubrir calquera urxencia.
O sindicato sinala que a decisión adoptada pola Consellería de Sanidade non foi comunicada previamente ao persoal, que carece de información sobre as condicións deste traslado e sobre o tempo que permanecerá no novo destino.
Outras veráns, a Consellería de Sanidade reforzaba o transporte sanitario da área de Pontevedra cunha ambulancia medicalizada máis na área de Pontevedra para atender urxencias en Sanxenxo. O sindicato nacionalista afirma que a decisión anunciada só responde a priorizar o benestar dalgúns "turistas de alto standing" e non a criterios sanitarios.
O BNG PREGUNTA Á CONSELLERÍA DE SANIDADE
Pola súa banda, Montse Prado, deputada e portavoz de Sanidade do BNG, pediu á Consellería de Sanidade e ao Partido Popular que explique este anuncio do 061 do traslado da ambulancia á base de Sanxenxo. E lamenta que esta decisión adoptouse despois da campaña electoral.
Incide no aumento de tempo que supoñerá a atención de urxencias na zona do Salnés e esixe un aumento dos efectivos e unha ambulancia para a cidadanía do Salnés.
Prado considera que o Partido Popular debe "rectificar" e dar marcha atrás a esta decisión e espera que suceda canto antes "para non poñer en risco a saúde" dos residentes na comarca do Salnés.