Os fondos mariños de Sanxenxo, máis preto de toda a cidadanía na Sala Nauta
Por Redacción
As persoas que se acheguen entre este mércores e o 31 de xullo á Sala Nauta de Sanxenxo poderá coñecer un pouco máis os fondos mariños da localidade a través dunha exposición de 62 fotografías que forma parte da programación das I Xornadas de Actividades Subacuáticas do Club Sotavento.
Un total de 62 imaxes en cor, moitas delas realizadas na contorna de Punta Seame, forman parte desta mostra que se inaugurou este mércores coa presenza da concelleira de Cultura, Paz Lago; o secretario do Club Sotavento e subcampión de España 2017 de Cazafotosub, Héctor Costa; o presidente da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, Javier Núñez Barreiras, e o campión do mundo de pesca submarina coa selección nacional e veciño de Sanxenxo, Jacobo García Fernandez. Ao acto tamén asistiron os presidentes do CETS, Alfonso Martínez, e da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
As fotografías reflicten a riqueza dos fondos mariños. O secretario do Club Sotavento incidiu en que moitas destas fotografías foron sacadas nos fondos mariños de Sanxenxo porque "teñen unha gran riqueza de especies e usámola para facer moitos entrenos porque sempre nos sorprende".
Paz Lago quixo agradecer e felicitar ao Club Sotavento por actividades como esta que "ten unha calidade marabillosa que nos achegan especies descoñecidas do noso mar e prolongan ou programa de verán ata outono".
As I Xornadas de Actividades Subacuáticas do Club Sotavento en Sanxenxo, realizadas en colaboración co Concello de Sanxenxo, inclúen actividades de carácter formativo, divulgativo, deportivo e competitivo.
O Club Sotavento proxecta para este sábado o XIX Campionato Galego de Cazafotosub en apnea no espigón do porto de Portonovo co que colabora o Club Náutico de Portonovo. A actividade desenvolverase entre as 8 e as 17 horas.
O final da exposición, o próximo día 31, coincidirá coa proxección do audiovisual 'Ojo de pez' do campión do mundo, Jorge Canda, na Praza dos Barcos, ás 22.30 horas, e coa poxa benéfica de imaxes do club cuxo diñeiro recadado destinarase a un colectivo benéfico do municipio.
En setembro está prevista un Taller de Iniciación á apnea gratuíto para un total de 15 prazas e desenvolverase na piscina municipal.