Bota a andar o 'Verán Cultural' de Cuntis con actividades para público infantil, xuvenil e adulto
Por Redacción
O 'Verán Cultural' do Concello de Cuntis xa está aquí. As actividades que se prolongará ata o 27 de agosto con propostas dirixidas a público infantil, xuvenil e a persoas adultas comezaron xa esta semana coas primeiras actividades.
Debido á situación provocada pola Covid-19, é preciso inscribirse en todas as actividades previamente na Oficina Municipal de Información Xuvenil a través do teléfono 986 53 36 00 ou do correo electrónico omix@concellodecuntis.es. Tamén é obrigatorio o uso de máscara protectora, xel hidroalcohólico e o mantemento das distancias interpersoais de seguridade.
As actividades para público infantil agrúpanse nos bloques temáticos 'Compartarte' e 'Cativarte' nos que poden participar maiores de 6 anos, desfrutando de obradoiros de arte, manualidades etc. As propostas teñen lugar ao aire libre na Praza da Constitución, na Praza das Árbores e no Centro Patelas.
Para público xuvenil de entre 12 e 17 anos organízanse no Espazo CuntisXove múltiples actividades creativas e divertidas como o estampado de camisetas e mochilas, a creación de figuras ou a pintura a cegas.
Doutra banda, a Aula Cemit acolle durante todo o verán actividades dirixidas á alfabetización dixital tanto de nenos e nenas como de empresas que serán impartidas por videoconferencia para as que é preciso apuntarse en cemit.cuntis@xunta.es.
Para público familiar organízanse as 'Sesións de venres noite' na Praza da Constitución, con actividades tan diversas como maxia, clown, concertos e música en vivo. A maiores, o xoves día 23, a Praza das Árbores acollerá unha sesión de cine na rúa coa emisión de Parásitos. Así mesmo, o Concello de Cuntis continúa ofrecendo actividades de memoria para persoas maiores xa inscritas ou para todas aquelas que o soliciten.
A programación completa e detallada pode consultarse na páxina web municipal www.concellodecuntis.org e así como nas páxinas de Facebook do Concello e de Turismo.