Unicef Galicia e a Deputación asinan un convenio para protexer menores de Senegal ante a Covid-19
Por Anxo Lourido
A presenza en todo o planeta da Covid-19 provoca que en determinados países especialmente pobres se rexistren situacións preocupantes entre os menores. É a situación que se vive en Senegal. Por esta motivo Unicef Comité Galicia e a Deputación de Pontevedra renovaron un convenio de colaboración que, nesta ocasión, terá como obxectivo establecer protocolos para reducir a transmisión da enfermidade e da mortalidade que causa o coronavirus entre nenos e nenas do país africano.
Irene Martín, coordinadora de Unicef Comité Galicia, e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, sinalaban este venres que a institución provincial destinará 15.000 euros para dotar de material de protección como máscaras, luvas ou monos ao persoal sanitario que traballa naquela zona tentando controlar os contagios entre a sociedade e, ao mesmo tempo, distribuirase material entre as familias máis vulnerables como tanques de auga e espazos para que realicen o lavado de mans que permitan dispoñer de auga limpa e garanta a hixiene persoal.
A representante da ONG sinalaba que atenden máis de 300 situacións de emerxencia anuais nos 190 países e territorios nos que a organización ten representación e agora, coa pandemia, tenta buscar solucións tanto en relación coa saúde como con outros dereitos fundamentais dos menores como o acceso á auga potable, o saneamento ou a educación.
Ata o momento, a Deputación Provincial colaborara en proxectos en Siria, indicou Martín, un país no que levan 9 anos de guerra e cinco millóns de menores precisan axuda humanitaria. Grazas ás axudas da administración provincial promoveuse a lactación materna e proporcionáronse suplementos de micronutrientes e métodos para controlar a nutrición da poboación infantil.
Carmela Silva sinalaba que a axuda deste ano é unha satisfacción persoal ante a situación tan grave á que se enfronta o mundo con esta pandemia. "Hai lugares onde non hai nada. E non hai dereito. Se os países avanzados fosen intelixentes investirían porque é unha pandemia global", indicaba a presidenta da Deputación lembrando a necesidade de coidar especialmente aos menores.
Estas colaboracións entre a institución provincial e Unicef contémplanse dentro do marco da Axenda 2030 seguindo unha folla de roteiro para eliminar discriminacións e fomentar as melloras da saúde materno infantil e que as familias accedan a electricidade eliminando desigualdades e tomando medidas para reducir os efectos do cambio climático.
AXENDA 2030 NA WEB DA DEPUTACIÓN
A presidenta provincial anunciou que a páxina web da Deputación incluirá un espazo específico para a Axenda 2030 coa intención de que a cidadanía consulte os datos necesarios sobre os 17 obxectivos e metas de desenvolvemento sostible (ODS) e as medidas que adopta a institución para alcanzar estas propostas.
Carmela Silva lembrou que o futuro do mundo pasa polo cumprimento destas iniciativas e reclamou un compromiso local para loitar pola igualdade, os sistemas económicos sostibles e rematar coa pobreza e a fame.
Relacionadas:
-
Carmela Silva e Ione Belarra sentan as bases para avanzar no cumprimento da Axenda 2030
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación axiliza os pagos das subvencións a asociacións e ONG en apoio aos máis vulnerables
Por Redacción |
-
A Deputación colabora con UNICEF para axudar aos afectados polo terremoto de Indonesia
Por Redacción |
-
A Deputación destina a súa colaboración con Unicef a garantir o acceso á saúde infantil de Siria
Por Oskar Viéitez |